Saltar navegación

3.5. A vosa vila

 

Glosario

Bosquexo

Bosquexo dunha vila ou cidade

Definición:

Debuxo rápido e simple que se realiza para plasmar unha idea antes de realizala de forma definitiva.

Exemplo:

O artista fixo un bosquexo para organizar os elementos da obra

Deseños

Imaxe do concepto de deseños

Definición:

Proceso de planificar e crear un proxecto visual con detalles máis definidos. A diferencia do bosquexo, o deseño xa conta con proporcións, materiais, cores...

Exemplo:

Teño moitas ideas para o novo deseño do logotipo no noso centro.

Intervencións urbanas

Mural como sinónimo dunha intervención urbana

Definición:

Acción ou proxecto realizado nun espazo público da vila para mellorar ou transformar o seu aspecto. Poden ser intervencións grandes ou pequenas.

Exemplo:

  No meu pobo fíxose unha intervención urbana: un mural con mosaico. 

Intervencións

Persoa realizando unha intervención artística na rúaAgora que xa sabedes máis sobre a arte urbana, é o momento de investigar a vosa vila e reflexionar: Que espazos se poden mellorar? Que podedes facer?

En Galicia é habitual que determinados espazos se vexan descoidados ou afectados polo chamado "feísmo". O feísmo estase a considerar un fenómeno tipicamente galego, e a cuestionarse como parte da nosa identidade e dunha cultura do refugallo no noso rural. 

Como xa vistes, existen diferentes tipos de intervencións: murais, graffiti etc, e diferentes técnicas para poder traballar este tipo de intervencións artísticas. 

Faredes un percorrido pola vosa vila, xa que na maioría das vilas hai lugares que necesitan unha mellora; atópanse bancos rotos, paredes grafitadas de forma negativa, lousas rotas, prazas abandonadas... 

Tedes a oportunidade de observas eses lugares e pensar formas de transformalo en algo máis bonito e útil. Imos ó choio! 

Lectura facilitada

É o momento de investigar a vosa vila e reflexionar:

Que espazos se poden mellorar? 

En Galicia é habitual que determinados espazos se vexan descoidados ou afectados polo chamado "feísmo".

Existen diferentes tipos de intervencións: murais, graffiti, etc,

e diferentes técnicas para poder traballar este tipo de intervencións.

Faredes un percorrido pola vosa vila, na busca de bancos rotos, paredes grafitadas de forma negativa, lousas rotas, prazas abandonadas... 

Tedes a oportunidade de observar eses lugares e pensar formas de transformalo en algo máis bonito e útil.

Imos o choio! 

Percorrendo a vila

Agora chegou o momento de busca e investigación:

Rapaza cunha cámara de fotos percorrendo unha vila en busca de intervencións artísticas

Obxectivo

O voso obxectivo nesta fase é que realicedes unha busca de espazos urbanos ou obxectos urbanos que se atopen deteriorados ou en bo estado. É dicir, desperfectos que haxa na vosa vila, ou intervencións feitas por algún artista que contribúe a mellorar as condicións e o aspecto da vila.

Para iso, podedes buscar pequenos desperfectos polo voso centro, ou fóra del, no percorrido que facedes habitualmente para vir o instituto. 

Misión

A vosa misión é fotografar eses espazos, tanto as intervencións que atopedes en bo estado (murais, graffiti, pequenos debuxos...), ou desperfectos ou áreas deterioradas que se podan mellorar.

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)