Saltar navegación

4.1. Deseño

Como vos ides organizar?

Todo traballo debe planificarse con previsión, minimizando os problemas que poidan xurdir cando se leva a cabo.

Isto tamén ocorre na organización do evento Expomoving, na que tedes que ter todos os pasos o máis definidos posible.

A continuación, dásevos unha guía sobre como organizar Expomoving paso a paso:

Organiza o evento Expomoving seguindo estes pasos

Paso 1:

Análise inicial e formación de grupos

Nesta análise deberedes ter en conta:

Cal é a temática do evento? Falaredes da condición física, da alimentación sa e equilibrada, dos hábitos saudables, do plan de adestramento, de hábitos saudables para ensinar ás vosas familias...

A que audiencia vai dirixido? Non é o mesmo falar para adultos que para rapaces e rapazas da vosa idade.

Estableceredes os equipos tendo en conta a formación de grupos vistos no apartado 2.1.

Paso 2:

Deseño do espazo e ubicacións dos stands

Neste segundo paso, faredes o deseño do espazo Expomoving tendo en conta os 7 stands que estarán presentes. Onde pensades que é mellor desenvolvelo? Como sería a ubicación máis axeitada para os stands tendo en conta os accesos?

Paso 3:

Organización das actividades de cada stand e preparación dos recursos materiais

Agora que xa sabedes que haberá 7 stands e a temática de cada un deles, prepararedes en grupos as actividades de cada stand e o seu desenvolvemento. Facede un reparto dos stands do 2 ao 6. Recordade que a organización dos stands 1 e 7 debe ser feita por todo o grupo clase. Os stands:

Stand 1: Control de calidade.

Stand 2: Quecemento.

Stand 3: Resistencia.

Stand 4: Forza.

Stand 5: Velocidade e axilidade.

Stand 6: Coordinación, mobilidade e Flexibilidade.

Stand 7: Volta á calma e recarga enerxética.

Que actividades se vos ocorren para realizar en cada stand? Revisade o apartado 3.6. "Os stands".

Que materiais vos fan falta para cada stand?

Paso 4:

Proba previa

Faredes unha simulación do evento antes de levalo acabo? Deste xeito, será posible comprobar se tedes que facer modificacións nalgún stand ou na organización.

Os stands son accesibles para todo o mundo?

Paso 5:

Promoción do Expomoving

Agora que xa está a organización feita de Expomoving, hai que promocionar este evento.

De que formas se pode promocionar?

Paso 6:

Desenvolvemento de Expomoving

Supervisade que cada stand teña os materiais precisos para o desenvolvemento das actividades. Reflexionade sobre:

Cada stand ten unha persoa presentadora e unha persoa que guíe ás persoas participantes? E ten unha ou varias persoas que expliquen e coordinen as actividades?

Creades un ambiente participativo?

Unha vez rematada esta xornada, sería recomendable pasar unha enquisa de satisfacción ás persoas participantes?

Paso 7:

Avaliación e reflexión final

Por último, reflexionaredes sobre este proceso.

Atentos e atentas máis adiante ao apartado 5.1. "Repasando todo"

Non esquezades documentar todo o proceso incluíndo documentos gráficos como fotos ou vídeos para realizar unha montaxe co obxectivo de presentar o voso traballo ao resto de compañeiros e compañeiras.

Apoio visual

Infografía para facilitar a comprensión dos pasos a seguir na organización de ExpoMoving

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)