Agora que xa sabedes moitas cousiñas sobre alimentación, poñede os vosos coñecementos en práctica. A continuación, realizaredes en grupos unhas actividades motrices:
Xogo 1
Carreira de relevos sobre alimentación saudable
Cos grupos feitos na fase 2, repasaranse os contidos sobre alimentación durante uns 5 minutos. Ao rematar de repasar, sairedes por parellas e iredes ata os conos que tedes máis adiante (cada grupo terá un cono verde e outro vermello). Alí atoparedes varias tarxetas con conceptos vencellados á alimentación e nutrición.
Debedes coller só unha tarxeta e colocala no cono correspondente: se o concepto ou alimento é saudable, metémolo no cono verde, e se está vencellado cunha alimentación non saudable metédelo no cono vermello.
Só se introduce unha tarxeta cada vez, e dáse o relevo unha vez que se chega ao punto de saída do voso grupo.
Aos vosos postos... xa!
Xogo 2
Carreira de orientación saudable
Nesta actividade faredes unha xincana saudable mantendo os mesmos grupos.
Cada grupo levará un mapa e un bolígrafo, e fará un percorrido, onde terá que atopar diversos códigos/balizas e apuntar a información contida nesas balizas. Toda a información atopada ten que ver con alimentación saudable e equilibrada.
Cando cada grupo finalice o seu percorrido, reuniranse no punto de encontro para poñer en común a información obtida.
Xogo 3
Un prato saudable

Nesta actividade elaboraredes un prato saudable para os mestres e mestras do voso centro educativo.
Logo de ter aprendido diferentes conceptos vencellados á alimentación, nutrición, hidratación, exercicio físico, pautas de descanso e hábitos saudables, ides ver o paso a paso desta actividade:
1. Repasaredes os diferentes grupos alimenticios (macronutrientes e micronutrientes) e a súa importancia na alimentación, o equilibrio entre nutrientes e unha axeitada hidratación. Repasaredes tamén en que consiste unha alimentación sa e equilibrada, distinguindo entre comida real e ultraprocesados.
2. Veredes exemplos de pratos saudables.
3. Faredes unha choiva de ideas sobre pratos saudables, tendo en conta posibles alerxias e/ou intolerancias.
4. En grupos, elaboraredes un prato saudable para un membro do voso grupo. Para isto, debedes falar con ese compañeiro ou compañeira, preguntarlle se ten algunha alerxia e/ou intolerancia a algún alimento, como adoita ser a súa alimentación para comprobar se ten hábitos alimenticios saudables ou convén facerlle recomendacións.
5. O prato que elaboraredes debe conter proporcións equilibradas de hidratos de carbono, proteínas e lípidos, incluíndo verduras, hortalizas, froita...
6. Unha vez rematado o prato, faredes unha posta en común sobre as elaboracións, explicando por que elixistes eses alimentos.