Poríferos
Neste grupo animal están incluídas as esponxas.
Son animais acuáticos sen simetría corporal e cunha estrutura corporal moi sinxela.
Filtran auga a través dos poros que recobren o seu corpo, que tamén está formado por unhas estruturas chamadas espículas, que poden ter diferente composición e funcións.
Teñen un tipo de células flaxeladas características chamadas coanocitos.
O movemento dos coanocitos permite que a auga se mova e entre ao interior do animal a través dos poros que recobren o seu corpo e da súa abertura, que se chama ósculo.

Cnidarios
Neste grupo animal están incluídas as medusas, as anemones e os corais.
Son animais acuáticos con simetría corporal radial.
A súa estrutura corporal é simple, con forma de saco e tentáculos. Algúns organismos cnidarios utilizan substancias paralizantes contidas nos seus tentáculos para atrapar as presas que lles serven de alimento.
Este tipo de animais teñen ciclos de vida nos que alternan unha fase móbil (a medusa) cunha fase na que permanecen fixos ao substrato (o pólipo).

Vermes
Este grupo de invertebrados inclúe varios grupos de animais con simetría bilateral e un corpo brando e alongado.
Teñen unha cabeza con órganos nerviosos.
Non presentan ningún tipo de esqueleto (nin externo nin interno).
Habitan medios acuáticos ou terrestres con moita humidade.
Algúns son de vida libre (por exemplo, a miñoca de terra) e tamén os hai que son parasitos de outros organismos (por exemplo, a tenia que vive no intestino dos seres humanos ou as lombrigas dos cans).
Moluscos
Os moluscos son animais invertebrados, acuáticos ou terrestres, que teñen o corpo brando. O seu corpo, nalgúns casos, dispón de estruturas protectoras duras como por exemplo as cunchas dos caracois.

A maioría dos moluscos poden clasificarse nun dos seguintes grupos:
- Gasterópodos. Exemplo: os caracois.
- Bivalvos. Exemplo: os mexillóns e as ameixas.
- Cefalópodos. Exemplo: as luras e o polbo.
Artrópodos
Os artrópodos forman o grupo de animais mais numeroso e diverso do planeta.
Hai case un millón e medio de especies de artrópodos, e aproximadamente un millón deles son insectos.

Son animais que poden vivir en ambientes moi diversos (acuáticos e terrestres).
O seu corpo está segmentado (dividido en tres segmentos: cabeza, tórax e abdome), teñen patas (apéndices) articuladas e un esqueleto externo duro (chamado exoesqueleto).
A maioría dos artrópodos poden clasificarse nun dos seguintes grupos:
- Insectos. Exemplo: os mosquitos e as avespas.
- Arácnidos. Exemplo: as arañas.
- Crustáceos. Exemplo: os cangrexos.
- Miriápodos. Exemplo: os cempés.
Equinodermos
Son animais acuáticos con simetría radial, como por exemplo os ourizos e as estrelas de mar.
Teñen un esqueleto interno duro (chamado endoesqueleto).
Desprázanse grazas a un conxunto de estruturas anatómicas exclusivas deste grupo animal, que se denomina sistema ambulacral.
,_Cabo_de_Palos,_Espana,_2022-07-15,_DD_25.jpg)