Características xerais
Os seres vivos incluidos dentro do Reino Animal son pluricelulares, teñen tecidos e están formados por células eucariotas.
As súas células son eucariotas porque o seu material xenético non está disperso polo citoplasma da célula senón que está rodeado por unha membrana e forma o núcleo celular.
.gif)
Son pluricelulares porque cada un deles ten mais dunha célula.
Teñen tecidos porque as súas células agrúpanse e especialízanse en diferentes funcións.
As células que levan a cabo as mesmas funcións dentro dun organismo son moi semellantes e forman tecidos.
Funcións vitais:
Os animais, como todos os seres vivos, levan a cabo as tres funcións vitais: nutrición, relación e reprodución.
Nos animais, a nutrición é de tipo heterótrofo. Con este tipo de nutrición os organismos incorporan os nutrientes que necesitan a partir da materia que lles proporcionan outros seres vivos.
A función de relación permite que os animais reciban información do medio que os rodea e sexan capaces de elaborar e executar respostas fronte a diferentes tipos de estímulos.
Grazas á función de reprodución, os animais poden xerar novos individuos o que garante a conservación da súa especie.
A gran diversidade de organismos que forman o Reino Animal reflíctese na variedade de tipos de nutrición, relación e reprodución dos diferentes grupos de animais que forman a Biosfera.
Por exemplo, no caso da reprodución, moitos animais reprodúcense sexualmente pero tamén hai grupos de animais que se reproducen de modo asexual.
Función ecolóxica:
Nos ecosistemas, os animais forman parte do grupo dos consumidores.
Cando morren, os seus restos son descompostos por bacterias e fungos que reciclan a súa materia e a devolven ao medio natural para que sexa aproveitada en forma de nutrientes polos organismos produtores mediante a fotosíntese.
A Zooloxía é a ciencia que estuda os animais.
Principais grupos
A gran biodiversidade do Reino Animal tradúcese en que hai moitos tipos diferentes de animais que están adaptados aos medios naturais que habitan.
Esta diferente adaptación dá lugar a diferenzas morfolóxicas, fisiolóxicas e tamén ecolóxicas.
A primeira diferenza que permite dividir os animais en invertebrados e vertebrados está relacionada co seu sistema esquelético.
O sistema esquelético dos animais está formado por ósos e outras estruturas que sosteñen o seu corpo, permiten os movementos e protexen as súas partes brandas.
Os animais invertebrados non teñen columna vertebral nin cranio. Non teñen esqueleto interno.
Os animais vertebrados teñen esqueleto interno formado por columna vertebral e cranio.
.jpg)
Animais invertebrados:
Os animais invertebrados son mais numerosos e diversos cos vertebrados. Na actualidade calcúlase que aproximadamente o 95% de todos os animais que habitan o noso planeta son invertebrados.
Os principais grupos de animais invertebrados son os seguintes:
- Poríferos
- Cnidarios
- Platelmintos, nematodos e anélidos (vermes).
- Moluscos
- Artrópodos
- Equinodermos
Animais vertebrados:
Os principais grupos de animais vertebrados son os seguintes:
- Peixes
- Anfibios
- Réptiles
- Aves
- Mamíferos
Dentro de cada un dos grupos de animais invertebrados e vertebrados hai tamén unha gran diversidade.
Por exemplo, no caso dos artrópodos hai varios grupos diferentes e un deles é o dos insectos. Dentro dos insectos hai mais de trinta subtipos diferentes.
Os insectos son o grupo de animais mais numeroso do planeta. En total, hai catalogadas até o momento mais de un millón de especies diferentes deste tipo de animais.

A continuación imos ver as características xerais, os principais grupos e o modo en que levan a cabo as tres funcións vitais os animais invertebrados e vertebrados das dúas listaxes anteriores.