Saltar navegación

4.1. Deseñando

 

Glosario

Cartel

Pictograma cartel

Definición:

Folla de maior tamaño ca un folio, na que se imprime un anuncio e que se coloca nun lugar público para captar a maior atención posible.

Exemplo:

O club de baloncesto colocou un cartel na praza do concello para que os nenos e nenas se animen a formar parte dos seus equipos.

Deseñar

Pictograma deseñar

Definición:

Facer o deseño de algo, xa sexa unha idea, un proxecto...

Exemplo:

O arquitecto deseñou o proxecto do edificio.

Inscrición

Pictograma inscrición

Definición:

Inclusión do nome dunha persoa ou dun grupo nunha lista ou rexistro.

Exemplo:

O equipo tramitou a inscrición oficial para participar no evento deportivo.

Regulamento

Pictograma regulamento

Definición:

Conxunto de regras que regulan unha determinada actividade ou o funcionamento dun organismo.

Exemplo:

O equipo incumpriu as regras da liga e foi expulsado.

Actividades de deseño

Nena deseñando dixitalmente cun dispositivo dixitalÉ o momento de deseñar.

E como o ides facer? Dixitalmente!

Distribuirédesvos en grupos e empregaredes os equipos informáticos co obxectivo de preparar tarefas relacionadas coa promoción do evento.

Para iso, deberedes decidir cada un de vós onde queredes aportar as vosas ideas. En función da tarefa que vos apeteza realizar, pertenceredes a un ou outro grupo.

Atentos e atentas ás actividades:

A cartelaría

Todo evento debe ser promovido para dalo a coñecer e que as persoas saiban da súa existencia. Se non coñecen que se vai realizar un evento, dificilmente poderán participar.

A promoción dun evento pode facerse de diferentes formas, pero un xeito moi doado de dalo a coñecer e un dos máis empregados é co uso de cartelaría. Esa cartelaría pódese empregar dixitalmente ou con carteis físicos. De todas formas, ambas opcións teñen algo en común: a necesidade de crear os carteis.

Despois podédelos empregar dixitalmente para difundilos por redes sociais ou imprimilos e pegalos en distintos espazos.

Que opción vos parece a máis axeitada para promover o voso evento?

Actividade grupal I - Creando cartelaría

Como organizadores dun evento deportivo solidario seguro que queredes que o alumnado se anime a participar, polo que o reto deste grupo é crear un cartel para promover o voso evento deportivo solidario.

Como podedes conseguir iso? Coa creación de cartelaría orixinal para captar a atención do alumnado e se anime a participar.

Tede en conta que é moi importante que o cartel debe cumprir uns requisitos:

- Ser orixinal e rechamante para captar a atención dos/as posibles participantes.

- Ofrecer a información sobre o evento, sen abusar de moito texto.

Preme para ver un exemplo

Cartel do torneo de fútbol a Marosa Cup de Burela

O Marosa Cup é un evento deportivo de fútbol base que organiza a SD Burela todos os anos co obxectivo de proporcionarlle aos equipos participantes unha nova experiencia formativa.

Podedes observar que é un cartel que busca captar a atención de toda persoa que o vexa da seguinte maneira:

- Ten unha imaxe orixinal e rechamante da praia de A Marosa e da súa contorna.

- O nome do evento aparece nun tamaño axeitado, sendo fácil de visualizar.

- As datas da celebración do evento e as categorías son claras.

- Non hai moito texto.

- Aparecen os organizadores ou co-organizadores. É importante que os posibles participantes saiban quen o organiza.

Se vedes un cartel deste torneo, gustaríavos participar? Por que?

O regulamento

Pensando noutra das característica dos eventos deportivos, sexan dun ou outro tipo, tedes que ter en conta o regulamento.

Considerades que isto é importante?

Efectivamente, todos os eventos deben ter unha normativa ou regulamento e as persoas participantes deben comprendelo e respectalo para que o transcurso do evento sexa o adecuado.

Actividade grupal II - Creando o regulamento

Como organizadores e organizadoras dun evento deportivo solidario, seguro que queredes que o alumnado respecte a actividade e cumpra as normas.

Como poderedes conseguir isto? Coa creación dun regulamento para o voso evento.

Esta normativa debe atender a unha serie de aspectos:

- Requisitos para participar no evento. Por exemplo, para participar hai que facer unha doazón?

- Regras específicas do xogo (número de xogadores, tempo de xogo, espazo...). Non é o mesmo xogar a baloncesto que ao datchball. Cada deporte ten as súas propias normas, as cales poden ser adaptadas.

Tede en conta isto para confeccionar a normativa do voso evento.

Preme para ver un exemplo

Regulamento do torneo de fútbol a Marosa Cup de BurelaO regulamento do Marosa Cup permítelle aos equipos participantes saber como é o formato do evento.

Para iso, inclúe aspectos como:

- Categorías.

- Número de participantes.

- Duración dos partidos.

- Puntuación e sistema de clasificación.

Tedes que ter en conta que no voso torneo fomentaredes os valores por enriba da competición, sen darlle importancia aos resultados.

Agora que vistes este exemplo, confeccionade o regulamento do voso evento deportivo.

As inscricións

Outro aspecto esencial nun evento deportivo son as inscricións. Estas permiten facer oficial a participación dun xogador ou xogadora dun equipo.

A organización do evento ten que proporcionarlle ás persoas interesadas en participar a forma de inscribirse no evento.

Os dous formatos máis habituais para ofrecer as inscricións son en formato papel ou en formato dixital.

Actividade grupal III - Creando as inscricións

Como organizadores e organizadoras dun evento deportivo solidario seguro que queredes que o alumnado se inscriba, verdade?

Pero para iso necesitan saber como o poden facer.

Nesta actividade, propónsevos a creación da ficha de inscrición. Tedes dúas posibilidades:

- Formato papel, para inscrición física.

- Cuestionario en liña, para inscrición dixital.

Por cal vos decidides?

Preme para ver un exemplo

Ficha inscrición do torneo de fútbol a Marosa Cup de BurelaAquí tedes un exemplo da ficha de inscrición do torneo de fútbol base Marosa Cup de Burela, organizado pola SD Burela.

As persoas organizadoras ofrecían esta inscrición en formato físico.

Podedes observar que os datos que se piden son básicos e adaptados ao tipo de evento que organizan.

Seguro que xa se vos están a ocorrer ideas de como deseñar a vosa ficha de inscrición.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)