Que é unha asociación?
As asociacións son agrupacións de persoas constituídas para realizar actividades colectivas de forma estable, organizadas democraticamente e sen ánimo de lucro (os e as integrantes non buscan un beneficio económico).
Existen diferentes tipos de asociacións en función do seu obxectivo, así como do tipo de actividades que realizan.
Algúns exemplos:
- Asociacións culturais: promoven e fomentan a difusión da cultura nas diferentes manifestacións (cine, música, teatro, literatura...).
- Asociacións deportivas: dedícanse á promoción e práctica de actividades físicas (andainas, carreiras populares...) e de diferentes modalidades deportivas (atletismo, baloncesto, tenis...).
- Asociacións de axuda social: teñen por obxectivo axudar a persoas en situacións de necesidade como poden ser persoas maiores, persoas sen fogar, con enfermidades ou discapacidades...
- Asociacións de voluntariado: dedícanse á promoción do voluntariado e á realización de actividades sociais como poden ser as emerxencias, axuda en situacións de catástrofe, humanitaria...
- Asociacións educativas: dedícanse ao fomento da educación. Exemplos son as asociacións de nais e pais, de estudantes ou do profesorado.
Como podedes ver, existen gran variedade de asociacións en función dos seus obxectivos.
Pero, queredes saber máis? Atentos e atentas!
Lectura facilitada
As asociacións son agrupacións de persoas para realizar actividades.
Os e as integrantes non buscan un beneficio económico.
Existen diferentes tipos de asociacións:
- Asociacións culturais: promoven a cultura (cine, música, teatro, literatura...).
- Asociacións deportivas: dedícanse á promoción e práctica de actividades físicas e deportivas (andainas, carreiras populares, deportes...).
- Asociacións de axuda social: teñen por obxectivo axudar a persoas maiores, persoas sen fogar, con enfermidades ou discapacidades...
- Asociacións de voluntariado: dedícanse á promoción do voluntariado.
- Asociacións educativas: dedícanse ao fomento da educación, como as asociacións de nais e pais.
Existen gran variedade de asociacións en función dos seus obxectivos.
Queredes saber máis? Atentos e atentas!
Audio
Exemplos de asociacións
A Mariña sen Plástico (Amasep)
![]() |
Asociación sen ánimo de lucro que loita contra a contaminación da contorna de A Mariña Lucense. Está enfocada na creación de eventos de concienciación contra a contaminación e máis en concreto contra o uso abusivo do plástico. Algunhas das actividades que realizan son as limpezas de praias como a que podes ver facendo clic aquí. Ou, se queres saber máis, podes ler unha noticia de xornal facendo clic aquí. |
Down Lugo
|
|
Down Lugo –Asociación Síndrome de Down de Lugo– é unha entidade sen ánimo de lucro, con ámbito de actuación na provincia de Lugo, que integra a persoas con síndrome de Down e ás súas familias. A Asociación naceu no ano 1996 por iniciativa dun grupo de nais e pais, comprometidos coa busca de novas alternativas para mellorar a situación das persoas con síndrome de Down. |
Refuxio de Animais de Cambados
![]() |
O Refuxio de Animais de Cambados iniciou os seus traballos o 28 de abril de 1999, baixo a dirección da actual directora, Olga Costa, seguindo a proposta do concello de Cambados de crear un refuxio para animais abandonados que malvivían na vila. As persoas voluntarias realizan actividades como "Sácame a pasear", na que todos os sábados pola mañá (se o tempo o permite), reúnese un grupo de voluntarios no Refuxio, e xuntos sacan a pasear aos cans por unha zona próxima ao Refuxio onde poden correr e xogar libremente, ademais de bañarse nunha pequena lagoa. En 2019, cumpríronse 20 anos dende que o Refuxio de Cambados abriu as súas portas. Podedes ver un vídeo conmemorativo facendo clic aquí. |
Banco de Alimentos Rías Altas
![]() |
Unha organización sen ánimo de lucro recoñecida oficialmente que funciona grazas á colaboración gratuíta do voluntariado que ten como finalidade recoller alimentos e facelos chegar ás persoas máis desfavorecidas da provincia da Coruña. O funcionamento do Banco de Alimentos Rías Altas baséase no principio de "dar" e "compartir". Todas as contribucións deben ser gratis. |
Asociación Xuvenil Xoldra
![]() |
Xoldra, é unha asociación xuvenil sen ánimo de lucro de Mondoñedo cunha traxectoria de 25 anos. Ten por obxectivo organizar actividades na vila e colaborar con outras, aumentando así as propostas de ocio para todas as idades. Organiza eventos como o festival de música "Breason" ou a carreira solidaria de Nadal. Destacar o proxecto Graffitoleate, no que se decorou a grada do campo de fútbol pola parte exterior con graffitis feitos por persoas semiprofesionais que, ademais, impartiron obradoiros de break e graffiti aos nenos e nenas da zona. |
Cáritas
|
|
Cáritas ten como principal obxectivo a acción solidaria e social. Para iso, realiza diferentes accións coas que promove o desenvolvemento integral das persoas e os pobos, especialmente dos máis pobres e excluídos. Ten un proxecto de doazón de roupa chamado Moda-re, cuxo obxectivo é darlle unha nova vida ás prendas que outras persoas non utilizan. |








