Saltar navegación

O cartel

Busca

Cada membro da clase investigará sobre un autor e a súa obra cartelística para despois presentar os resultados ao resto da clase.

Jules Chéret - Alfons Mucha -Tolouse-Lautrec- Aubrey Beardsley- Gustav Klimt - Pierre Bonnard -Theophile Steinlen- Mackintosh- Koloman Moser- Castelao- Cassandre -El Lissitzky- Saul Bass.
 

Información

O cartel é unha mensaxe formada por texto e imaxe, de carácter efémero e situado xeralmente nun soporte fixo para ser visto publicamente. Do latín Charta “papel”, o cartel adoita ser un papel de gran tamaño no que se imprimen imaxes cun texto. A súa función principal é publicitaria, anunciando acontecementos e produtos ou propagandística.

O foco principal dos carteis son as imaxes, que se empregan para atraer a mirada do público;  os textos aportan e aclaran información, especialmente a que non se pode transmitir coa imaxe (datas, lugares, participantes, etc. ).

Os carteis teñen que entenderse nunha primeira ollada, ser visibles no contexto no que están situados, rechamantes e poder ser lembrados con facilidade.

O desenvolvemento do cartel está unido a invención da imprenta e da Revolución Industrial, mais será a técnica da litografía a que permitirá a impresión de grandes formatos con cores planas, moi adecuadas para poder verse a distancia.

Neste enlace podes ver un vídeo sobre a técnica litográfica.

litografía

O cartel será un dos medios publicitarios máis empregados xa dende a Revolución Industrial. A crecente oferta de produtos fai que a publicidade sexa cada vez máis necesaria para poder distinguirse uns de outros e chegar ás persoas consumidoras. En Francia, os carteis van ser, non só informativos, senón tamén artísticos e moi coloristas, en parte debido á prohibición gobernamental de non usar nos carteis  letras negras con fondo de cor branca para non  confundirse coas mensaxes administrativas.

Nos seus inicios non existen cartelistas profesionais, son os pintores os que crean unha imaxe á que engaden unhas letras. Jules Chéret será un dos primeiros autores en entender a especificidade do cartel, creando unha obra na que a imaxe e o texto forman unha unidade expresiva na que o icónico ten máis peso, pero na que o texto estará moi coidado e  cun valor gráfico engadido.

A continuación podes ver algúns exemplos dos inicios do cartel :