Información
A lexibilidade tipográfica é o conxunto de características dunha familia tipográfica que posibilitan que está sexa lexible, recoñecida e interpretada. Existen múltiples factores que inflúen e poden modificala polo que convén telos en conta no deseño gráfico:
Destinatarios
A principal función dunha tipografía é que sexa facilmente descodificada e interpretada polo receptor, polo que haberá que contemplar as características do mesmo, como a idade, o contexto sociocultural, a situación na que se vai ler a mensaxe, etc.
Tamaño da fonte
O tamaño ha de elixirse en función do soporte da mensaxe e do receptor.
Deseño e altura da fonte
A letra redonda e minúscula é a máis lexible, seguida da versalita e, finalmente, a maiúscula. As familias tipográficas con serifa funcionan ben na impresión e para lectura; as sen serifa son máis adecuadas para as pantallas.
Interlineado e interletraxe
O espazo entre liñas ten que ser o adecuado, xa que por exceso pode romper a continuidade da lectura e por defecto pode provocar dificultades de lectura. Por outra banda, o espazo entre letras ou interletraxe tamén debe estar ben axustado. Polo que respecta á aliñación, a non ser que teña unha xustificación no deseño, é aconsellable empregar a esquerda e a liña horizontal por facilitar máis a impresión de orde e claridade. Asemade, hai que evitar as liñas moi extensas cun tamaño pequeno de fonte porque fan máis difícil a lectura e poder producir aburrimento.
Cor
A cor é moi importante na lexibilidade dunha fonte tipográfica. Hai que ter moi presente o contraste entre o fondo e a fonte e seleccionar unha correcta combinación das propiedades da cor, é dicir, do ton, do brillo e da saturación. A continuación sinalamos algunha propiedade:
- Unha composición de fondo branco e a fonte de cor negra é moito máis lexible que a súa oposta.
- Se se empregan varias cores complementarias con moita saturación van ter mala lexibilidade porque ao ser moi fortes tenden a centrar todos a atención. Neste caso o mellor é modificar a saturación dun deles.
- Sempre é aconsellable empregar cores que non sexan nin moi opostas nin moi análogas, xa que apenas habería contraste.
- Algo semellante ocorre se se empregan dúas cores cun brillo semellante, xa que así non producen o suficiente contraste, como sucede se se emprega a cor branca e a amarela xuntas.
Tipografía. Pepe Gimeno (CC BY-NC-SA) . |