Saltar navegación

Tarefa 3. O termómetro

Deseñar un termómetro emocional

Sabemos que expresar emocións é difícil. E medilas?

Cando falamos, non só é importante entender as emocións. Tamén é importante entender a intensidade desas emocións. Nesta actividade do observatorio vas intentar deseñar unha ferramenta para medir emocións positivas ou negativas segundo a súa intensidade.

Que vas facer?

  • Deseñar un termómetro ao que asociar palabras e emocións.
  • Clasificar a intensidade das emocións expresadas.

Que vas observar?

  • Asociar palabras a estados emocionais e gradualos segundo a súa intensidade

A escala de medidas. Recopilación

Recolle as palabras que empregamos nas anteriores actividades e trata de organizalas. Tamén destina uns minutos a pensar noutras palabras que axuden a entender emocións. Todas elas definen un primeiro campo semántico das emocións.

Deixa rexistro desas palabras nun documento.

Campo semántico

Un campo semántico está composto por un grupo de palabras da mesma clase gramatical que comparten unha característica o un rasgo do seu significado ou definición.

Ampliación de palabras

Unha vez tedes unha lista de palabras sobre emocións, podedes empregar o apartado de termos relacionados do Dicionario da real Academia Galega para ampliar o léxico posible

Enderezo dicionario RAG

Deseñar o termómetro

Duración:
1 sesión
Agrupamento:
Grupo de traballo (3-5)

As emocións forman parte da nosa forma de relacionarnos co mundo e polo tanto non se trata de agochalas senón de recoñecer a información que nos están a dar. A psicoloxía, por exemplo, sinala o papel que na nosa evolución como especie deberon cumprir xa que axudan a dirixir as nosas respostas diante dunha situación, son necesarias para a nosa vida social e inflúen na toma de decisións. O propio Charles Darwin, o pai da teoría da evolución, indicou que as emocións son funcionais para a vida humana xa que promoven condutas favorables á supervivencia e modelan a nosa cooperación facilitando a comunicación e comprensión dos demais. A súa expresión polo tanto é sa, mesmo as emocións que se consideran negativas como a tristeza sempre que produzan unha resposta esperable e razoable, non se apoderen da nosa vontade ou sexan magnificadas ou reprimidas.

O número total das emocións é unha cuestión difícil de precisar. A investigación nas distintas culturas humanas atopan que hai emocións compartidas como a ira e, outras, moi determinadas polas crenzas culturais como a melancolía. Hai propostas que precisan un total de seis emocións básicas: o medo, a ira, a tristeza, o noxo, a alegría e a sorpresa. Outras aproximacións sinalan a necesidade de engadir emocións sociais e emocións estéticas. Unha das suxestións interesantes foi a do psicólogo Robert Plutchik que propuxo unha representación gráfica semellante a roda das cores que denominou roda de emocións.

Roda das emocións

Nesta tarefa o termómetro vai aproveitar dúas ideas presentes na proposta de R. Plutchik:

1. Hai emocións antagónicas que se contrapoñen.
2. As emocións se producen con intensidades distintas.

A tarefa consiste en engadir dun lado emocións graduadas e doutro indicadores que poidan axudarnos a atopar cal está presente e cales son os indicadores ou signos que nunha mensaxe en rede pode darnos pistas da súa presencia. Deste xeito, por exemplo, imos ter unha axuda para entender papel que xogan as emocións na comprensión dunha mensaxe.

  • Do lado das emocións podedes escoller un campo semántico concreto e logo gradualo. Escolle un campo concreto, mira as palabras que o voso grupo empregou ao longo desta sección e inspírate na roda de emocións que tés nesta tarefa.
  • Do lados dos indicadores ou pistas debedes pensar en aspectos que axudan a medir que tipo de emoción está a expresar unha mensaxe, que elementos poden ser interesantes. Recupera o explicado ao principio do observatorio e lembra aqueles aspectos da linguaxe que poden ser de interese.

Lembrade que a tarefa debe centrarse nunha única dimensión emocional para poder ser coherente.

Unha vez teñades rematado o voso termómetro, ides valorar o termómetro doutro grupo. Coa información que vos acheguen doutros grupos e a partir das puntuacións acadadas, mellorade o voso termómetro para que sexa máis preciso nas súas medicións.

Ficheiros adxuntos