Saltar navegación

Equipo de proxectos

Xogo de rol. Reunión do equipo de proxectos

Formades parte dun equipo que debe decidir o proxecto que se vai desenvolver para este ano no concello. Sobre a vosa mesa están dous proxectos: unha aplicación para xestionar ferramentas de uso ocasional e unha aplicación que desenvolva rutas turísticas polo concello. Desenvolveredes unha reunión do equipo que finalmente deberá chegar a un consenso para decidir unha solución sobre que proxecto debe recibir o interese do concello.

Obxectivos

- Desenvolver posturas argumentativas en profundidade a partir de ideas e intencións establecidas para tomar conciencia de posturas alternativas ás propias.
- Empregar a linguaxe oral en intercambios formais para expresar con respecto diferencias e posicións contrarias, manter os turnos de palabra, artellar un discurso con coidado do rexistro apopiado á situación e adquirir habilidades de escoita activa para adaptar as probas e argumentos propios aos enunciados presentados.
- Facer uso da lingua como unha ferramenta para o intercambio de opinións e un instrumento para establecer acordos e compromisos.

Preparación, debate e valoración

Duración:
3 sesións (150 - 180 minutos)
Agrupamento:
Todo o conxunto de participantes (nos seus equipos)

A tarefa ten tres fases: unha de preparación, unha segunda de debate e unha terceira de comentario de todo o proceso.

Durante a fase de preparación, o equipo debe repartir os roles ao azar. Hai cinco roles previstos; se o equipo ten un número inferior a cinco integrantes só o rol de dinamizador do debate é obrigatorio. Antes do debate, cada membro do equipo de xeito individual estudará o rol que debe representar e imaxinará respostas e razoes para o futuro debate. Empregará os documentos co perfil dos roles e coas indicacións breves sobre os dous proxectos. Coa súa consulta, deberá entender mellor cales son as opcións presentadas e cal é o papel que vai ter que asumir.

A fase de debate desenvolverase en sucesivas roldas. Na primeira rolda de dous minutos cadaquén fará unha exposición das súas ideas tratando de defender o proxecto no que cre. Durante esta primeira rolda, as interrupcións no están permitidas e o dinamizador do debate simplemente tomará nota do respecto da quenda de palabra e dos tempos. Na segunda rolda, os distintos participantes aclararán dúbidas, achegarán novos argumentos ou refutarán as posicións enunciadas. A duración desta rolda durará uns dez minutos e deberá servir de contraste entre as distintas posturas. O dinamizador asegurarase que todos os integrantes teñen unha participación equitativa en tempo e que se respectan as formas do debate. A terceira rolda estará orientada a establecer un pacto ou unha forma de solucionar a selección. o dinamizador poderá ter unha posición máis activa, recollendo ideas e achegando solucións que poidan ser útiles.

Na fase de comprobación do proceso en primeiro lugar o equipo de traballo e despois nunha posta en común comentarán o desenvolvemento do debate, a calidade dos argumentos empregados e se un proxecto resultou gañador ou non.

Os dous proxectos serán:

Aplicación para ferramentas de uso ocasional

Os cidadáns do concello de Vilardebit habitualmente comparten cos seus veciños inmediatos ferramentas ou máquinas que empregan en poucas ocasións; a veciñanza do concello está habituada a facer intercambios e adoitan ser responsables. Por exemplo: é habitual que compartan unha amasadora de pan profesional, un cortacéspedes, unha caixa de ferramentas de precisión para reparación de ordenadores, un conxunto de xogos en madeira tradicionais para festas de cumpreanos, unha plataforma para trasladar obxectos moi pesados, etc. Son ferramentas que as persoas que as teñen empregan poucas veces e poñen a disposición dos seus coñecidos. Saben que nalgún momento a elas tamén lles prestarán outras ferramentas.

As posibilidades de compartir esas ferramentas pasan porque as persoas que as compartan se coñezan coma veciños ou pregunten por grupos de mensaxería que compartes. O concello quere que ese hábito sexa xeral no concello e poñer en contacto cidadáns que previamente non teñan unha relación para que poidan compartir dende a confianza as ferramentas que cadaquén pode poñer ao servizo da comunidade.

Aplicación de rutas virtuais polo concello

Por todo o concello de Outeiro do Byte hai rutas interesantes. Os cidadáns de Outeiro do Byte coidan non só o seu concello virtual tamén o espazo físico real onde a veciñanza adoita facer rutas en bicicleta, percorrer lugares históricos relacionados con persoeiros relevantes da historia do concello, os monumentos por toda a superficie do termo municipal, pasear polos parques e zonas axardinadas, etc.

O concello quere promocionalas e enriquecer esas rutas mediante capas de información dispoñible virtualmente. En definitiva, quérese que a cidadanía coñeza esas rutas facendo un percorrido por elas como primeira toma de contacto, coma forma de lembrar a ruta xa feita ou como forma de coñecer mellor esa mesma ruta.

Os principais roles para desenvolver son:

Partidario da plataforma de compartir

Este rol está centrado na defensa da plataforma de compartir ferramentas. A persoa que a defende ten unha actitude firme e as súas intervencións son elaboradas. Defende principalmente a plataforma para compartir polo seu interese económico, afán de reciclar e reusar as ferramentas e cooperar na sociedade.

Partidario da plataforma das rutas.

Defende os valores medioambientais de facer unha ruta. As súas intervencións son firmes e curtas. As súas conviccións para escoller a ruta é que achega coñecemento directo sobre o contorno e sobre o mundo diario da cidadanía. É unha aplicación directa sobre pequenos aspectos moi concretos da cidadanía.

Negativo.

Este rol só vai ver aspectos negativos e deixaría os dous proxectos sen desenvolvemento. O seu estilo de intervención é breve e lle gusta facer preguntas retóricas.

Indeciso.

Este rol só vai ver aspectos positivos nos dous proxectos pero non sabe con cal quedarse. O seu estilo de intervención é lento e acostuma a dar moitos matices nos dous sentidos.

Dinamizador

O rol do dinamizador do debate é asegurar que todos os integrantes teñen unha participación equitativa en tempo e que se respectan as formas do debate.