Saltar navegación

Tarefa 1. Que me dis?

Que me dis?

Cando falamos con alguén conectamos coas súas emocións antes de que sexa quen de dicir unha palabra. Pero na rede moitas veces só temos as palabras da persoa coa que estamos falando ou coa que nos estamos enviando mensaxes. Imos analizar como expresamos emocións. Primeiro pensando en como o facemos cando imos falando con alguén na rúa, ou na casa ou cando imos probar roupa. Despois imos analizar como expresamos emocións na rede e como é de importante entender o que nos din e mais entender que sinte e que nos fai sentir quen está falando con nós.

Que vas facer?

Para completar esta tarefa deberás realizar as catro actividades que te propoñemos. Os obxectivos das actividades que compoñen a Tarefa 1. Que me dis? son:

- comprender os distintos modos de expresión das emocións na rede.
- aplicar as ideas de connotación e denotación a producións concretas analizando os diversos compoñentes que transmiten información.
- identificar os distintos compoñentes de expresión das emocións na comunicación dixital.

Que vas observar?

Imos analizar como empregamos as palabras para a expresión das emocións e con que recursos lingüísticos contamos para comunicar o que sentimos.

Tarefa

O teu grupo
3- 4

Entre as seguintes fotografías escolle unha en concreto e trata de imaxinar as emocións que están expresando.

Desenvolvemento

O voso equipo vai observar que emocións aparecen nunha imaxe e que factores inflúen na nosa interpretación das emocións. O equipo finalmente presentará que emoción principal observou, que palabras poden describila e que signos captou para percibir esa emoción. A actividade desenvolverase do seguinte xeito:

Primeiro escollede unha imaxe que chame a atención ao equipo e, despois,
Segundo: individualmente e en silencio durante un instante tratade de identificar a emoción que se está a expresar.
Terceiro. Durante uns poucos minutos falade respectuosamente no voso grupo sobre que emocións transmite a fotografía escollida.
Cuarto. Revisar unha lista de aspectos que inflúen na nosa interpretación
Quinto. Finalmente escribide as vosas conclusións sobre:

  • O conxunto de palabras que describen a emoción que captou o grupo.
  • O conxunto de elementos que indican que se está a suxerir esa emoción.

Podedes consultar a folla da actividade para axudarvos a resolver a tarefa (consultala nos arquivos adxuntos)

Denotación e connotación

Denotación. É o significado básico dunha palabra que é recoñecible independentemente do seu contexto concreto de uso e dos valores e ideas que alguén lle pode ter asociados.

Connotación. Son os signifcados que evoca o uso dunha palabra nunha sociedade, nunha cultura ou nun grupo específico e por tanto aqueles valores ou propiedades que imos achegando de tipo ideolóxico, psicolóxico, afectivo, etc.. Por exemplo a chuvia posúe o significado connotativo de "tristeza".

Relaciona as seguintes expresións co substantivo que mellor expresa o seu sentido

Pregunta

Verlle as orellas ao lobo

Respostas

Suspicacia

Temor

Dúbida

Retroalimentación

Pregunta

Andar coa mosca tras da orella

Respostas

Suspicacia

Temor

Insistencia

Retroalimentación

Pregunta

Ver o ceo aberto.

Respostas

Liberación

Cansancio

Euforia

Retroalimentación

Comunicación e emocións

As emocións forman parte da nosa experiencia individual pero tamén social. Entendemos as nosas reaccións, condutas, xestos a partir das palabras coas que denominamos esas emocións. Son unha resposta individual e expresan a nosa dimensión intrapersoal. Pero a nosa resposta pode ser resultado nas crenzas adquiridas a través da interacción social sobre un determinado fenómeno. Esas crenzas e as nosas respostas son, nese sentido, sociais e forman parte da nosa vida en comunidade, da nosa dimensión interpersoal.

Esa dobre experiencia intrapersoal e interpersoal como é lóxico trasládase á vida dixital. As imaxes que compartimos, as mensaxes que enviamos, as reaccións que nos permite unha aplicación concreta son o espazo onde expresamos esas emocións, as facemos públicas, as compartimos e as definimos.

Nas conversacións que mantemos fisicamente as emocións son expresadas nun modo non verbal e nun modo verbal.

Modo non verbal

Neste modo distinguimos a linguaxe non verbal e os elementos paralingüísticos. Entendemos por linguaxe non verbal todos aqueles signos que o noso corpo manifesta e que moitas veces son reaccións involuntarias: os xestos que facemos (sorrir, inclinar a cabeza, mover as pestanas...), as reaccións na cara (poñernos colorados), os movementos do corpo (axitar as mans), a dirección da nosa mirada, etc. Entendemos por expresión paralingüistica os signos que aparecen cando falamos pero que non son propiamente signos lingüísticos aínda que necesiten que empreguemos a linguaxe para poder aparecer: o ritmo co que falamos, o volume que empregamos, os silencios entre palabras, a énfase concreta nalgunha parte no enunciado, etc.

Modo verbal

É propiamente a expresión verbal, a dimensión lingüística da comunicación: a selección léxica que facemos, a organización sintáctica, os trazos semánticos que empregamos, etc.

Nas conversacións cara a cara a información non verbal, paralingüística e lingüística teñen que ser coherentes. De non ser coherentes ou percibir contradicións entre elas, habitualmente concedemos máis relevancia a información que ten como procedencia a expresión non verbal que asumimos como máis espontánea e auténtica.

Deste xeito a comunicación se desenvolve a través de múltiples canles e signos e as persoas obtemos información de diferente tipo para asegurarnos que a nosa intención é percibida axeitadamente.

Como trasladamos esta expresión ao mundo virtual?

A comunicación no mundo dixital emprega estratexias para acadar a diversidade de canles, modos e signos que reforcen a nosa intención ou dean pistas sobre o que realmente pretendemos comunicar.

  • Memes: Con este neoloxismo describimos calquera imaxe con ou sen texto a miúdo de contido humorístico que se comparte dun xeito masivo por redes sociais. A imaxe compartida é recoñecida por unha audiencia ampla e a súa función comunicativa é estable aínda que o texto e o uso que se lle pode dar pode ser adaptada a unha situación concreta.
  • Emoticonas: Con este termo propio da linguaxe dixital definimos as pequenas imaxes con contido simbólico que son empregadas en múltiples situacións e contextos en Internet ou en aplicacións de mensaxería e redes sociais. As emoticonas foron en principio símbolos creados con signos de puntuación para expresar emocións concretas ou estados de ánimo aínda que na actualidade se converten automaticamente en pequenas figuras e pasan a formar parte das opcións de escritura codificadas como caracteres Unicode específicos.
  • Stickers: Con este anglicismo, facemos referencia ás imaxes ou debuxos máis elaborados que as emoticonas que se insiren nas conversacións. Forman parte do proceso de personalización da comunicación nas plataformas e da mestura de diversos códigos na comunicación virtual.
    Accións predeterminadas pola aplicación: moitas redes sociais como Facebook, Instagram, Tik tok ou Twitter integran ademais da mensaxe concreta un repertorio de accións interactivas que dan continuidade á conversación como os botóns de agrado ou as opcións para reenviar, citar ou marcar como favoritos.

Todos eses códigos e signos axudan a transmitir información emocional xa que están deseñados para facer máis eficaz a comunicación e polo tanto reproducir as diversas dimensións da interacción humana.