A nosa identidade tamén se vai construíndo coa nosa actividade nas redes sociais; a información que consultamos e, sobre todo, que publicamos sobre nós vai configurando quen somos nós, as nosas experiencias, ideas, emocións. Calculamos que nos países con acceso a internet o 75% é usuario activo dalgunha rede social.
As identidades dixitais permiten entrar nunha conversación directa, continua e inmediata cos valores e prioridades da información difundida nos medios. Non só espazos neutros, teñen as súas propias normas, convencións, gustos e prácticas. E o tempo que pasamos deseñando o noso perfil, manténdoo actualizado, compartindo imaxes ou vídeos, comentando e engadindo información forma parte do nosa experiencia e da forma de relacionarnos.
A identidade dixital permite imaxinarnos con outros rasgos e características, producir unha personalidade ficticia pero ao mesmo tempo a nosa creatividade está limitada polo ámbito cibernético onde se producen e polas propias restricións da tecnoloxía coa que xestionamos as nosas redes. A capacidade para editar contidos e capturar a reacción inmediatamente promoven a creatividade, a dimensión lúdica e social desa identidade.
As principais características desa identidade poden ser descritas como:
- prosocial: facilitan e xestionan os procesos de interacción entre as persoas.
- valiosa: permite prácticas que non serían posibles fora do mundo virtual.
- composta: formada por varios elementos tanto reais como procedentes de ámbitos creativos, imaxinativos non necesariamente coherentes entre si.
- dinámica: evoluciona constantemente e incorpora novos elementos.
- rexistrada: a información publicada acostuma a ser recuperable normalmente a partir dunha organización cronolóxica e polo tanto pode ser recuperada en calquera momento e mesmo é difícil de borrar xa que está distribuída e compartida con outras persoas.

A identidade dixital coa súa énfase na conexión e no intercambio comunicativo é unha identidade moi dependente da rede de contactos que validan o noso perfil, cunha fronteira entre o íntimo, o privado e o público máis difusa e na procura dun recoñecemento constante por parte de audiencias as veces extensas e onde o contacto que facilita a propia rede virtual é fundamental.
A facilidade de acceso e a súa dispoñibilidade en múltiples dispositivos sincronizados facilitan un estado de conexión continua e ubicua. Esta conexión continua coa rede de contactos pode xerar dependencia e presentar riscos como a angustia pola posibilidade de ser rexeitados, medo a manifestar posicións fora do consenso dun grupo, obsesión polo número de seguidores, simplificacións das contradicións e vulnerabilidades naturais, ou a sensación de estar perdendo acontecementos importantes se se permanece desconectado da conversación da rede.
A construción e aceptación de identidades virtuais complexas, con debilidades e diferencias son necesarias para unha identidade persoal virtual sa. Con todo, non esquezas que debes ter coidado coa información que estás a compartir.