Saltar navegación

Tarefa 2. Transformar queixas

Ler queixas e escribir reclamacións

Se prestamos atención ás distintas mensaxes que dicimos ao longo do día notaremos que pronto aparece unha clase particular de expresión: a queixa. Cando percibimos que algo non é do noso agrado e o manifestamos, estamos queixándonos.

Pero unha queixa, que é un enunciado persoal e frecuente, non é o mesmo que unha reclamación. Unha queixa só expresa o desgusto. A reclamación pide unha solución a ese desgusto. Ademais, as reclamacións pertencen a un tipo de textos específicos, os textos de ámbito público e da administración.

Que vas detectar?

As características dunha reclamación nun texto real.

Que vas facer?

Transformar un texto para cumprir coas condicións establecidas.

Transformar

Agrupamento: equipo
3- 4

Imos ler un texto que chegou ao concello de Vilardebit para observar como os membros da oficina de defensa da cidadanía reciben as comunicacións que lle chegan da cidadanía:

Texto 1

Este mércores ía facendo exercicio e entrei na rúa que vai dar ao supermercado que está ao lado da Farmacia. Foi cando me decatei que unha persoa maior trataba de subir o seu carriño á beirarrúa. Non sei porque levaba un carriño se xa sabía como é esa rúa pero o caso é que levaba un carriño da compra e non daba cruzado. Alí parada no medio medio do asfalto. Non me custou moito axudarlla aínda que o carriño pesaba como se levase ferro. Por isto escribo, para que poidan poñer a beirarrúa máis accesible para a xente. Un saúdo.

Outro exemplo chegou a través dun formulario.

Texto 2

Nome: Cosme Papiro
Mensaxe: Non hai dereito. Unha biblioteca moi moderna si pero dous lectores de libros electrónicos e sempre collidos. Que facemos o resto? Nos sentamos a esperar?
Dirixido a: Servizo Electrónico de Bibliotecas de Vilardebit

A partir das condicións establecidas para unha reclamación, elabora unha táboa onde comprobes que información está presente e cal non.

Podes empregar o modelo proposto nos arquivos complementarios.