Saltar navegación

Tarefa 3. Guión para consultas

Lista de tarefas para axudar

O concello chegou á conclusión que para atender ás necesidades da súa cidadanía debía entender claramente que o que está a expresar, como conseguir que unha vez expresado se chegue a unha solución posible e como finalmente a cidadanía sinta que esa solución é satisfactoria. Coa idea de que as nosas queixas, reclamacións ou protestas poden ser reformuladas en propostas prácticas pensouse que os cidadáns podían ter á súa disposición unha lista de recomendacións para comunicar mellor as súas demandas. Está disposto o voso equipo a axudar no seu deseño?

Que vas detectar?

Os elementos relevantes que compoñen unha reclamación.

Que vas facer?

Elabora unha lista de comprobación que permita corrixir as queixas para:

- Empregar as características xenéricas da linguaxe instrutiva e a súa función social para orientar a súa produción.
- Corrixir e mellorar as producións propias a partir da finalidade e do coñecemento contextual e mais lingüístico propio.

Tarefa

Agrupamento: equipo
3- 4

Qué é unha lista de comprobación, lista de verificación ou checklist?

Probablemente teñas utilizados moitas listas de comprobación. Mesmo durante as tarefas para conseguir a cidadanía electrónica no concello de Vilardebit utilizaches algunha.

Unha lista de comprobación é unha ferramenta que permite controlar a boa resolución dun traballo. En forma de lista, organízanse unha serie de indicadores ou pistas que aclaran ata que punto se están a cumprir os criterios que definen se unha tarefa é satisfactoria ou non. Serve de guía para os participantes nunha actividade tanto durante o proceso de realización como ao final.

Que debe ter?

A modo de exemplo imos facer unha pequena lista de comprobación de aqueles aspectos que toda lista de verificación debe ter.

- Inclúe título?
- Respectáse a estrutura dunha lista de comprobación con ítems razoalmente breves e dirixidos a un único aspecto?
- Os aspectos polos que se pregunta, son relevantes e significativos?
- A redacción de cada indicador é clara, precisa e achega a información necesaria para entendelo?
- A linguaxe é precisa e axeitada á tarefa?
- Están incluídos todos os elementos que debe ter unha reclamación?
- Foron revisados os posibles erros gramaticais, de puntuación ou presentación?
- Se un cidadán ou cidadá revisara a lista a lista de verificación, valoraríaa positivamente?

Como imos redactar a nosa lista de comprobación?

Para redactar a nosa lista de comprobación primeiro faremos un traballo individual, despois un en grupo e por último unha posta en común. A partir dos aspectos que vaian xurdindo imos elaborar unha lista que sexa útil, eficaz e clara para construír a nosa lista de comprobación.

Para axudarvios a reflexionar imos desenvolver unha serie de pasos:

Paso 1. De xeito individual cada un de vós podedes preguntarvos:

- Que coñecemento temos sobre o tema? Debemos repasar aspectos que vimos?
- Que información é necesaria saber sobre este traballo?
- Temos claros os criterios que se deben cumprir?
- Que dúbidas, datos ou aspectos difíciles son importantes aclarar para facilitar a tarefa?
- Como se vai conseguir que sexa fácil de entender?

Esas ideas logo as podedes compartir para ter a primeira aproximación a aspectos de interese para a tarefa.

Paso 2. Escribir individualmente os indicadores que considerades necesarios:

Imaxinádevos tratando de resolver una queixa e reflexionando sobre que elementos precisariades aclaracións. Logo pensade nas inquedanzas que tedes ao redactar esta mesma tarefa, e pensade se poden resultar de axuda para escribir esa lista de comprobación. Por último, inspirádevos naquelas cousas que vos son de utilidade para redactar listas e empregádeas nesta.

Destinade uns minutos en forma de rolda de conversación para que cada unha das ideas conte cun suficiente contexto para explicar que punto está a describir, aclarar ou mellorar. Prestade atención as ideas que están repetidas, comprobar cal é a mellor redacción e pensade se é necesario dividir ou simplificar algún indicador.

No caso que teñades máis de 12 ítems, tedes que escoller os máis relevantes. Para iso en primeiro lugar organizade os descritores da lista común e asegurádevos que todos os membros do equipo teñen a mesma copia. Individualmente, repartide puntuacións do 1 ao 12 nun tempo razoable. Só se pode repartir unha vez o número un, unha única vez o número 2, etc. O que ten a maior puntuación é o que considerades máis importante. Naturalmente, haberá indicadores que non teñan ningunha puntuación. Logo todos de novo en equipo, sumade as puntuacións que cadaquén adxudicou a cada un deses descritores. Finalmente é cuestión de revisar as puntuacións, escoller os descritores con puntuacións máis altas e ver se estades de acordo co resultado.

Paso 3. Facede unha posta en común.

Como no paso 2, compartide, facede unha lista e destinade uns minutos en forma de rolda de conversación para que cada un dos portavoces dos equipos explique a súa lista e conte cun suficiente contexto para explicar que punto está a describir, aclarar ou mellorar. Prestade atención as ideas que están repetidas e escollede a mellor redacción.

No caso que na posta en común aparecen máis de 12 ítems, tedes que escoller os máis relevantes. Tamén como no paso 2, en primeiro lugar organizade os descritores da lista común e asegurádevos que todos os equipos teñen a misma copia. Cada un dos grupos de traballo de forma acordada reparten puntuacións do 1 ao 12 nun tempo razoable e dun xeito similar ao paso 2. Logo todos de novo no grupo formado por todos os equipos, sumade as puntuacións adxudicadas, revisade as puntuacións, escollede os descritores con puntuacións máis altas e valorade razoablemente se o resultado final é satisfactorio.

Escribide a lista de 12 ítems proposta colectivamente.

Para todo este traballo podedes empregar os arquivos adxuntos.