Saltar navegación

6 Forma e función. A dimensión pragmática, simbólica e estética do deseño

Información


Como xa vimos na Unidade 1, forma e función no deseño son conceptos dificilmente separables. O desenvolvemento dun produto require na actualidade non só atender á súa función senón tamén as súas características formais e simbólicas e culturais.

Dende a Revolución Industrial xurdiron diferentes escolas ou correntes que defenden en maior ou menor medida un dos aspectos anteriores, pero, en xeral, existe unha tendencia a buscar solucións nas que convivan función e forma. Habitualmente distínguense tres grandes tendencias históricas segundo a importancia outorgada a cada unha delas:


Funcionalismo: tendencia que lle dá  máis importancia á función, a súa dimensión pragmática,  que ao deseño. Podemos atopala en Vitruvio no século I a.d.c, ou no movemento Arts & Crafts no XIX,  e será moi popular no século XX  a partir das formulacións do arquitecto estadounidense Louis Sullivan -é moi coñecida a súa expresión "a forma segue a función".

Máis tarde o funcionalismo foi adoitando principios racionalistas e experimentando con materiais elixidos non só pola súa practicidade senón tamén por razóns estéticas. A Bauhaus, con arquitectos como Mies van der Rohe ou Le Corbusier, ou o estilo internacional son exemplos desta tendencia.

Cadeira Le Corbusier
Rocor. Cadeira . Le Corbusier (CC BY-NC)

Formalismo: tendencia na que prima o valor da forma e da súa estética. O deseño céntrase no seu valor xeométrico ou formal deixando nun segundo lugar os principios funcionais e simbólicos. A forma xa non segue a función, senón que é o centro do deseño.

Dentro desta tendencia, máis minoritaria no deseño, destaca o grupo Memphis creado en 1980. O deseñador italiano Ettore Sottsass foi un dos seus máis celebres fundadores, integrándose con arquitectos e deseñadores xaponeses, estadounidenses e tamén españois, como Javier Mariscal.

 Memphis ía en contra dos postulados do funcionalismo e quería crear un novo tipo de deseño no que o importante eran as cores, as texturas e o ornamental.O grupo só durou oito anos pero crearon deseños que aínda hoxe son obxectos de culto e que influirían no deseño postmoderno.

formalismo
Sailko. Ettore Sottsass. Grupo Memphis (CC BY)

Estilismo ou Styling: tendencia que dá máis importancia aos valores simbólicos de luxo,nivel social e modernidade que pode representar o produto. Xorde despois da crise do Crack do 20 en EE UU como unha necesidade de estimular a demanda de produtos.

Nesta tendencia emprégase unha estratexia de exaltación do aspecto formal do produto para reforzar o seu valor simbólico. É dicir, crear produtos máis atractivos e fermosos exteriormente sen modificar as súas propiedades funcionais ou de calidade.

Automóbil Buick
ChiemseeMan. Buick Y-Job (CC0)