Saltar navegación

Bloque 3. Os procesos compositivos do tema con variacións

Como pasa cos termos sonata/forma sonata, unha mesma palabra que indica dous conceptos diferentes, tamén debemos establecer a diferenza entre a técnica compositiva denominada variación e a forma musical tema con variacións.

Por tanto a variación é unha forma ou un procedemento, ou as dúas ao tempo. 

Como podedes imaxinar no primeiro caso corresponde a unha técnica que se pode usar en calquera forma, sonata, sinfonía, fantasía que consiste no cambio dalgún dos elementos do material musical, ritmo, harmonía, textura, instrumentación…

Mentres que a forma tema con variacións presenta un tema ao que suscesivamente se lle aplican técnicas de variación concretas en cada unha delas.

Como forma, o tema con variacións relaciónase con moitas outras como a canzone, a chacona, o coral, o pasacalles. E no que se refire ao procedemento non hai obra na que non interveña na súa elaboración.

En concreto o tema con variacións é unha forma musical ideal para a aprendizaxe dos métodos compositivos que permiten transformar e desenvolver os temas musicais.

Como guia destes procesos tomaremos como referencia tres obras moi importantes deste xénero:

As 12 variacións sobre o tema “Ah!, vous dirai-je, mamam!” en Do maior, K. 265/300e de Mozart, compostas sobre unha canción infantil moi popular, foron publicadas en Viena en 1785 alacanzando moi cedo unha grande popularidade que pervive ata hoxendía. As diferentes variacións cos seus cambios de carácter van creando unha narrativa case dramatúrxica.

Tema de Mozart

  • Tema en do maior
  • Estrutura harmónica sinxela, sen modulacións
  • Sen notas extrañas na melodía
  • Compás binario
  • Melodía moi popular e agradecida

As 33 Variacións para piano en Do maior sobre un vals de Diabelli Op. 120, de Beethoven. En 1819 este editor pediu aos mellores compositores do momento que fixeran unha variación sobre este tema coa fin de publicalas. Cincoenta compositores participaron nesta encomenda, entre eles un noviño Listz Non obstante, como demostración da súa mestría, e a cambio dun prezo, ofreceuse presentar moito máis que unha soa variación. As investigacions de William Kinderman teñen demostrado que Beethoven completou unhas 20 variacións a principios de 1819 e finalizou o conxunto de 33 variacións en 1822-23, tras concluir o traballo noutras obras mestras tardías da súa carreira, a Missa solemnis e as tres últimas sonatas.

Desde a súa publicación en xullo de 1823, as 33 Vartiacións sobre un Vals de Diabelli Op.120 son consideradas universalmente, xunto coas Variacións Goldberg de Bach, como o cumio da forma de variación e por moitos, entre eles Alfred Brendel, como "a máis grande de tódalas obras de piano ".

Tema "Diabelli"

  • Tema crú, sen atractivo aparente, en do maior
  • Carácter harmónico, non ten melodía como tal
  • Estrutura harmónica sinxela pero con dominantes secundarias
  • Compás ternario, tempo de vals

As 7 variacións sobre un tema de Robert Schuman Op. 20 de Clara Schumann. O tema elixido é unha peza de 1841 do seu marido, a número 4 do seu Opus 99, dunha colección de 14 chamada Bunte Blätter. Vierzehn Klavierstücke (Follas de cores. Catorce pezas para piano) op. 99. Tras cinco anos sen escribir música Clara retoma a composición para facer un agasallo de aniversario ao seu home. Este tema ben seguro ten un significado especial para o grupo íntimo dos Schumann composto polo matrimonio e Johannes Brahms. Tanto é así que Brahms fai tamén unhas fermosísimas variacións sobre ese mesmo tema ao pouco (1854, Op. 9), xa cando Robert estaba moi enfermo.

Tema de Robert Schumann

  • En fa♯ menor
  • Harmonía complexa, con modulacións e zonas con ambigüidades tonais
  • Melodía mol simple e con posibilidades de reharmonización
  • Influenciado pola tradición dos corais luteranos de Bach
  • Compás binario
Modelado 3D sobre un retrato de Clara Schumann 1853 de Hadi Karimi
https://hadikarimi.com/cc-by-sa (CC BY-SA)

O obxectivo destas ODE's é a adquisición das técnicas básicas, tanto para a composición escrita como para a improvisación directa ao piano.

Para ampliar información sobre a orixe deste coñecido tema visitar a wikipedia en inglés