3. Resumo de contidos
O proxecto de construción
-
A elaboración do proxecto construtivo dun edificio consta de tres etapas: imaxinativa, gráfica e documental.
-
Os principais condicionantes á hora de elaborar o proxecto construtivo dunha vivenda son: as necesidades do promotor, a normativa urbanística, a forma, dimensións e características do terreo, a resistencia, composición e humidade do solo, o risco sísmico, etc.
-
O proxecto construtivo consta dos seguintes documentos: memoria (descritiva, construtiva, cumprimento do CTE), planos, prego de condicións, medicións e orzamento.
Normativa de habitabilidade
Ten a finalidade de mellorar o deseño, a calidade e a funcionalidade das vivendas, e está recollida nas normas do hábitat galego. Esta normativa establece as superficie mínimas das pezas das vivendas e doutras partes dos edificios, a accesibilidade e os espazos complementarios ás vivendas tales como garaxes, rochos e espazos comúns.
Instalación de electricidade
-
Unha instalación eléctrica está constituída por un varios circuítos eléctricos que constan como mínimo dos seguintes elementos: xerador, condutores da corrente, interruptor e un ou varios receptores, podendo existir ademais instrumentos de medida e control.
-
Existen dous tipos básicos de circuítos eléctricos: en serie e en paralelo.
-
Lei de Ohm: relaciona as tres principais magnitudes da corrente eléctrica: intensidade, que se mide en amperes (A); diferenza de potencial, voltaxe ou tensión, que se mide en volts (V); e resistencia, que se mide en ohms (Ω). Vén dada polas expresións:
![]()
-
A resistencia eléctrica dun condutor depende da lonxitude, da sección e do tipo de material de que está constituído.
-
A enerxía consumida nun circuíto eléctrico vén dada polas seguintes fórmulas:
W = V · I · t = R · I2 . t
-
A potencia eléctrica é a enerxía producida por un xerador, transferida ou consumida por un receptor na unidade de tempo e mídese en watts (W) ou en quilowatts (kW):

-
Efecto Joule: ao pasar a corrente eléctrica a través dun condutor unha parte da enerxía eléctrica transfórmase en calorífica. A calor producida obtense a partir das fórmulas:
Q = 0,24 · V · I · t = 0,24 · R · I2 · t
-
As instalacións eléctricas domésticas constan, como mínimo, dos seguintes elementos:
-
Interruptor de control de potencia (ICP).
-
Interruptor xeral automático (IGA).
-
Interruptor diferencial (ID).
-
Pequenos interruptores automáticos (PIA) en cada circuíto: cociña, calefacción, etc.
Instalación de fontanaría
-
Serve para abastecer as vivendas de auga de consumo e distribuíla ás dependencias. A produción de auga quente pode ser por caldeiras eléctricas, a gas, a gasóleo, etc., ou por paneis solares.
-
Os edificios de vivendas de nova construción deben dispor dun sistema de produción de auga quente baseado en enerxías alternativas. O máis utilizado é o de enerxía solar térmica, que serve tamén para alimentar circuítos de calefacción, piscinas, etc.
Instalación de saneamento
-
Serve para evacuar as augas residuais producidas nas vivendas ata a rede xeral de sumidoiros para a súa depuración.
-
Os edificios de vivendas de nova construción deben contar cun sistema de recollida, almacenaxe e depuración da auga de chuvia e das augas grises de lavabos e duchas, para a súa posterior reutilización doméstica en inodoros, rega de xardíns, etc.
Instalacións de climatización
-
Teñen a finalidade é a de conseguir o confort térmico da vivenda, quentando en inverno e refrixerando no verán.
-
Toda instalación de calefacción consta dos seguintes elementos: xerador de calor, circuíto de distribución, emisores de calor e elementos de seguridade, regulación e control (válvulas de seguridade, termóstatos, termómetros, etc.).
-
Os xeradores de calor poden ser caldeiras eléctricas, a gas, gasóleo..., radiadores, bombas de calor, etc.
-
Pola disposición dos emisores existen dous tipos básicos de circuítos de calefacción: en serie e en paralelo.
-
Segundo o tipo de emisores a calefacción pode ser por calefacción directa (calefactores), por radiación (radiadores, fío radiante), ou mediante bombas de calor, que serven tanto para calefactar como para refrixerar.
-
Para reducir o consumo de enerxía na calefacción é preciso un bo illamento térmico dos elementos en contacto co ambiente exterior: muros de pechamento, cubertas, forxados, soleiras, ventás, etc. Os materiais máis utilizados no illamento térmico son o poliestireno extruído (porexpán), a la de rocha, a espuma de poliuretano e a fibra de vidro.
Outras instalacións
-
Outras instalacións das vivendas son as instalacións de gas, interfonía (porteiro automático ou videoporteiro), telecomunicacións e domótica (control intelixente).
Arquitectura bioclimática
-
A súa finalidade é a de realizar construcións sustentables, con respecto polo medio, conseguindo o máximo confort co mínimo gasto enerxético, de xeito natural, tendo en conta as condicións climáticas e físicas do contorno.
-
Os aspectos principais para ter en conta na arquitectura bioclimática son os seguintes:
-
Localizar e orientar axeitadamente a vivenda en función da climatoloxía e da orografía do terreo.
-
Distribuír as pezas para favorecer o aproveitamento da radiación solar e a refrixeración natural da vivenda.
-
Utilizar cubertas invertidas ou ecolóxicas para reducir a calor recibida pola vivenda.
-
Optimizar o illamento térmico da vivenda.
-
Xeración de electricidade mediante paneis solares fotovoltaicos.
- Aproveitar ao máximo as enerxías renovables para a produción de auga quente sanitaria, calefacción, electricidade, etc.
-
Reciclar para outros usos a auga de chuvia e as augas grises producidas na vivenda.
-
Reducir o impacto ambiental da construción utilizando tipoloxías e materiais predominantes no contorno, procurando a súa mellor integración ambiental.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0