2.2 Normativa de habitabilidade
Para o deseño dunha vivenda de nova construción cómpre ter en conta sobre todo as normas do hábitat galego. Esta normativa pretende mellorar o deseño, a calidade e a funcionalidade das vivendas, tendo en conta novos conceptos aplicados á construción, como a sustentabilidade, a reciclaxe, o aforro de enerxía ou o asolamento, relacionados coa preocupación polo coidado do medio e da natureza.
Establécense tamén nesta normativa as superficies mínimas das pezas da vivenda, mellorando a súa accesibilidade para que no futuro se poidan adaptar ás necesidades das persoas discapacitadas e recuperando antigas tipoloxías típicas galegas, como por exemplo a cociña-comedor.
Tamén se regula o uso dos espazos complementarios das vivendas, como son os garaxes e os rochos, e, no caso de edificacións colectivas, os espazos comúns para o desenvolvemento de actividades comunitarias.
Entre as principais novidades que establecen estas normas cómpre salientar as seguintes:
-
Increméntase a superficie mínima das vivendas dun dormitorio, pasando dos 26 m2 útiles actuais aos 40 m2 que deberán ter a partir de agora.
-
As novas vivendas soamente poderán ter un dormitorio interior, o resto deberán ser exteriores e a súa superficie mínima será de 8 m2 útiles se son individuais, e de 10 m2 se son dobres.
-
Os corredores terán unha largura libre mínima entre paramentos de 1 m para permitir o paso dunha cadeira de rodas, e deberá contar con espazo para acceder e xirar polo menos dentro dun cuarto de baño da vivenda.


Corredor Cuarto de baño obrigatorio
-
A altura libre mínima entre solo e teito será de 2,60 m, e poderá reducirse a 2,40 m en vestíbulos, corredores e baños.
-
A largura libre mínima de portas de paso é 0,80 m e a altura libre mínima de 2,10 m.


-
As vivendas disporán dun espazo para almacenaxe xeral, cunha superficie en planta de 0,60 m2 por ocupante e unha altura mínima de 2,20 m.
-
En caso de que calquera percorrido interior no edificio supoña subir ou baixar un desnivel de máis de 10,75 m, é obrigatoria a instalación dun ascensor por cada 20 vivendas. De non estar obrigados a instalalo deberán deixar un espazo previsto para o colocar no futuro.
-
As promocións de máis de 50 vivendas disporán de espazos comunitarios de usos múltiples, cunha superficie útil mínima de 1 m2 por vivenda. Tamén deberá existir un recinto para a almacenaxe dos residuos sólidos que se poidan xerar nas vivendas do edificio.
-
Cando existan medianeiras permanentes vistas, estas disporán dun tratamento acorde co deseño do resto das fachadas do edificio. Así mesmo, será obrigatorio rematar os locais en planta baixa destinados a uso comercial.
-
Para aproveitar mellor a luz natural o patio interior das vivendas deberá ter unha superficie mínima de 16 m2, fronte aos 7 m2 actuais.
-
Os rochos ou espazos de almacenaxe anexos e independentes ás vivendas situados no propio edificio deberán ter unha superficie útil mínima de 6 m2.
-
A lonxitude libre mínima de cada praza de aparcadoiro será de 4,70 m e a súa largura libre mínima de 2,40 m, cunha altura libre mínima de 2,20 m. Todas as prazas deberán permitir o acceso directo e a capacidade de manobra.
-
Todos os edificios presentarán polo menos unha praza de aparcadoiro adaptada para o uso de discapacitados e unha praza máis adaptada por cada 33 prazas de aparcadoiro.
-
Para favorecer a iluminación natural das vivendas a distancia mínima entre edificios establécese en 18 m. A largura mínima das beirarrúas será de 3 m.
Actividades propostas
S3. Consulte o plano de distribución do piso que aparece máis arriba e que está reproducida a escala 1:100.
-
- Mida o longo e a largura de cada estancia e comprobe superficie de cada unha.
- Utilizando a escala efectúe outra distribución da moblaxe en cada dependencia, mesmo utilizando mobles doutras medidas, e compare o resultado obtido co que aparece no plano actual. Cre que é posible realizar algunha mellora
S4. Consulte a normativa de habitabilidade para vivendas de nova construción e conteste ás seguintes cuestións sobre ela:
-
- Largura mínima dos corredores.
- Altura libre mínima entre o solo e o teito.
- É a mesma en todas as dependencias da vivenda?
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0