Saltar navegación

2.4 Arquitectura bioclimática

A finalidade da arquitectura bioclimática é a de alcanzar unha construción sustentable, é dicir, edificar con respecto polo medio conseguindo o máximo confort no interior da vivenda co mínimo gasto enerxético, de xeito natural, tendo en conta as condicións do contorno e o clima que soporta.

A maioría dos edificios que se constrúen na actualidade compensan o seu mal deseño bioclimático con grandes consumos enerxéticos en calefacción e aire acondicionado. Aínda que pareza paradoxal, a arquitectura tradicional galega respectaba en maior medida que a actual os principios da arquitectura bioclimática. Así, a elección da localización da vivenda, a súa orientación, os materiais utilizados na construción, o aproveitamento da radiación solar para calefactar as vivendas, o illamento térmico, etc., eran factores determinantes no deseño das vivendas e que na actualidade apenas se teñen en conta.

As galerías utilizadas na arquitectura galega tradicional son un exemplo de boa utilización da radiación solar para mellorar o confort térmico das vivendas Nas zonas de forte insolación as casas están pintadas de branco, xa que esta cor reflicte máis a radiación solar

Aspectos para ter en conta

Os aspectos máis importantes que debe ter en conta unha arquitectura bioclimática son os seguintes:

  • Elixir unha boa localización da vivenda en función da climatoloxía e da orografía do terreo, cunha orientación adecuada e unha distribución que favorezan a iluminación natural das estancias de día, o aproveitamento óptimo da radiación solar e, nas zonas de forte insolación, a refrixeración natural da vivenda por correntes de aire.

A este respecto, existen algunhas solucións que se poden adoptar como as seguintes:

    • Utilizar o efecto invernadoiro que se produce nas galerías e terrazas acristaladas para captar a enerxía solar, e distribuíla ao resto da vivenda.

    • Utilizar parasoles para evitar unha excesiva insolación do interior da vivenda en épocas de forte radiación solar.

  • Empregar sistemas como as cubertas invertidas ou ecolóxicas para reducir a calor que recibe a vivenda a través da cuberta.

    Sección de cuberta invertida

 

  • Empregar os materiais adecuados para illar termicamente a vivenda do exterior e do solo, evitando perdas de calor innecesarias e utilizando coresescuras, que absorben mellor a radiación solar, ou cores claras que a reflicten, en función das necesidades e do clima.

  •  Reducir oimpacto ambientaltodo o posible utilizando a tipoloxía de vivendas e os materiais predominantes nos contorno, en harmonía con el e procurando a súa integración ambiental, de acordo coa paisaxe natural ou urbana onde se insiran.

Actividades propostas

S38. Indique algunhas solucións construtivas propias da arquitectura tradicional galega nas que se aprecie a súa adaptación ás características climáticas das distintas zonas de Galicia.

S39. Explique razoadamente a importancia dos materiais e das cores exteriores na construción dunha vivenda bioclimática.

S40. Observe o esquema da vivenda bioclimática e indique as diferenzas que aprecia durante o verán e durante o inverno, así como as diferenzas entre as fachadas norte e sur.

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0