Saltar navegación

2.1.2 Condicionantes do proxecto de construción

Antes de iniciar a elaboración do proxecto de construción dunha vivenda ou dun edificio, cómpre ter en conta unha serie de factores que determinarán o resultado do proxecto. Os máis importantes son os seguintes:

  • Necesidades do promotor. Son algúns dos factores máis importantes, xa que o proxecto debe resolver de xeito satisfactorio os seus desexos e as súas necesidades: tipo de vivenda ou edificio que necesita, superficie, número e amplitude das dependencias, instalacións con que debe contar, materiais para utilizar, etc.

  • Normativa urbanística. Esta constituída por numerosas normas regulamentarias de distinto rango que determinan a situación do edificio no terreo, os usos permitidos, a superficie edificable, o número de plantas, a súa configuración exterior, a superficie mínima das dependencias, as instalacións con que debe contar o edificio, etc.

  • Forma e dimensións do terreo. Son importantes para determinar a forma do edificio e a súa situación sobre o terreo. Tamén inflúen na superficie edificable total do edificio.

  • Características do terreo. As características topográficas do terreo (pendente, orientación…), a composición e a resistencia do solo, a profundidade da capa freática, etc., son moi importantes para determinar cimentación e a estrutura do edificio, a disposición das plantas, a orientación do edificio, a existencias de vistas que se poidan observar desde o mesmo, etc.

  • Outros factores: risco sísmico da zona, tipo de construcións predominantes, materiais de construción máis utilizados, capacidade económica do promotor, etc.

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0