Saltar navegación

2.3.4 Outras instalacións

Instalación de gas

O gas é un tipo de enerxía limpa e cómoda de utilizar que pode chegar ás vivendas canalizado, procedente da rede de distribución ou de tanques propios, ou en bombonas. Os aparellos que utilizan o gas son as cociñas, fornos e caldeiras de auga quente e calefacción.

Os combustibles que se utilizan son o gas natural canalizado procedente da rede xeral de transporte e distribución, e os gases licuados do petróleo (GLP), como o butano e o propano, almacenados en tanques e bombonas.

As instalacións de gas canalizado en edificios de vivenda colectiva teñen un cadro de contadores á entrada do edificio e montantes dos que parten as derivacións individuais a cada vivenda. Hai tamén outros elementos, como filtros, reguladores de presión, chaves de control e válvulas de seguridade. No interior das vivendas están as chaves da vivenda e as chaves e reguladores dos aparellos. As instalacións alimentadas con gases licuados do petróleo envasados en bombonas constan de válvulas de presión e chaves de paso.

Instalación de gas canalizado e de gas butano nunha vivenda

Instalación de interfonía

Permite a comunicación por voz co exterior da vivenda e controlar o acceso a ela. Se está equipada cunha cámara de vídeo recibe o nome de videoportaría.

Este servizo pode estar integrado nun sistema de seguridade, de xeito que soamente coa introdución dunha clave é posible o acceso ao interior.

Instalación de telecomunicacións

A súa finalidade é dotar os edificios dunha infraestrutura común que permita a conexión á rede de telefonía básica (RTB), ás redes de banda larga e aos servizos de radio e televisión (RTV). Para isto debe existir un recinto de instalacións de telecomunicación superior (RITS) desde o que se distribúen os sinais a cada planta do edificio por medio da rede de distribución. Nas plantas parten ás vivendas as derivacións individuais que enlazan coa rede interior de usuario de cada vivenda. A distribución realízase cun tipo especial de cable denominado cable coaxial.

Recinto de instalacións de telecomunicación superior Cable coaxial Cable de fibra óptica

 

A instalación de radio e televisión está composta polas antenas de radio FM, televisión UHF e VHF, e parabólicas, convenientemente orientadas para recibir os sinais de radiofrecuencia procedentes dos repetidores máis próximos ou dos satélites no caso das antenas parabólicas.

A rede de telefonía básica (RTB) é a liña pola que podemos falar por teléfono, enviar e recibir faxes e conectarse a internet. É a rede telefónica máis antiga e estendida territorialmente. Utiliza tecnoloxía analóxica e a transmisión de datos ao seu través realízase mediante sinxelos fíos metálicos semellantes aos das instalacións eléctricas.

As redes de banda larga ou de alta velocidade son redes dixitais que nos permiten conectar a internet para enviar e recibir datos, imaxes e son a unha grande velocidade.

Tamén serven para a comunicación telefónica e para a transmisión dos sinais da RTV dixital. Estas redes están formadas por fíos de fibra óptica que permiten o envío simultáneo dunha grande cantidade de información, multiplicando a velocidade de transmisión.

Unha rede de alta velocidade existente na actualidade é a de ADSL, que aproveita a rede analóxica tradicional separando a voz dos datos, o que permite a conexión a internet sen ocupar a liña de voz. Outra é a de cable, que utiliza unha nova rede de cables de fibra óptica e tecnoloxía dixital para a transmisión de voz, do sinal de RTV dixital e a conexión a internet a gran velocidade.

Unha alternativa ás redes de banda larga citadas é a de recibir todas as comunicacións a través da rede eléctrica: teléfono, conexión de banda larga e televisión dixital. Esta opción simplifica a acometida de cables ata as vivendas, xa que soamente precisa un aparello para descodificar os sinais que chegan a través dos cables normais da electricidade. A súa vantaxe principal é que non require instalar unha nova rede para prestar servizo, xa que a electricidade chega practicamente a todos os lugares, pero ten o inconveniente de que é unha tecnoloxía pouco desenvolvida.

Esquema da instalación de telecomunicacións dun edificio

Instalación de domótic

A incorporación ás vivendas de elementos ou sistemas baseados nas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) permite dispor dunha nova gama de servizos tales como a automatización de tarefas domésticas, a xestión enerxética ou o entretemento. As vivendas que incorporan estes sistemas reciben o nome de “vivendas intelixentes”, “automatizadas” ou cun “sistema domótico”.

Un sistema domótico consiste nun conxunto de sistemas de xestión técnica automatizada das instalacións co obxecto de reducir o consumo de enerxía e de aumentar o confort e a seguridade da vivenda. Utiliza unha serie de equipamentos e de redes de comunicación que obteñen información sobre o contorno da vivenda, transmitíndoa a un computador central. Segundo os datos recibidos, este actuará sobre os circuítos precisos para que realicen unha determinada tarefa. Por exemplo, regar o xardín ao serán, simular que a vivenda está ocupada, avisar da entrada de intrusos, etc. A domótica ten a vantaxe de que posibilita o control remoto das instalacións desde fóra da vivenda por vía telefónica ou por internet.

Domótica
Xestión e control informático de vivendas

 

A domótica estase a desenvolver con rapidez, polo que nos próximos anos veremos como se incorporan ás vivendas novos sistemas automáticos cada vez máis perfeccionados coa posibilidade de integrarse en sistemas domóticos: robots, electrodomésticos intelixentes, teleasistencia e monitorización a distancia de persoas enfermas ou discapacitadas, etc.

Á esquerda do cadro anterior aparecen os chamados elementos captadores: sensores, detectores, cámaras, etc., instalados no contorno da vivenda. Á dereita aparecen os elementos actuadores que se poñen en marcha cando a unidade central lles envía o sinal correspondente de xeito automático cando os datos recibidos dos elementos captadores lle indican que debe facelo.

Tamén se pode programar a unidade central para realizar determinadas tarefas de forma periódica: espertador, conexión da iluminación exterior, baixar as persianas ao anoitecer, pór en marcha a calefacción, etc.

 

Actividades propostas

S33. A que se denominan gases licuados do petróleo ou GLP? Cales coñece?

S34. En que se diferencian unha instalación de gas alimentada por bombonas dunha conectada á rede de gas natural? Cales son os elementos específicos de cada unha?

S35. En que se diferencian a rede de telefonía básica ou RTB e as redes denominadas de banda larga ou de alta velocidade? Que tipo de tecnoloxía se utiliza en cada unha, analóxica ou dixital?

 

S36. Repare no esquema da instalación de telecomunicacións dun edificio e indique que son cada un dos seguintes elementos:

    • Elementos de captación.
    • Canalización principal.
    • Rexistros secundarios. 
    • Canalización secundaria. 

Habilitar JavaScript

 

S37. Observe no cadro anterior o sistema domótico dunha vivenda unifamiliar illada e indique que elementos captadores serían os responsables de enviar o sinal correspondente á unidade central en cada un dos seguintes casos:

    • Se un intruso dá voltas ao redor da vivenda entrando ao xardín. 
    • Se se produce unha fuga de auga no interior da vivenda. 
    • Se alguén trata de forzar as persianas para acceder ao interior da vivenda.
    • Se o carteiro chama polo videoporteiro e, ao non haber ninguén na casa, deixa un sobre na caixa do correo. 

 

Habilitar JavaScript

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0