2.6 Lectura
A enerxía eólica
O vento é o motor da enerxía eólica e, como moitas outras fontes da enerxía, procede do Sol. O irregular quecemento da superficie do planeta (terra/mar, día/noite, latitudes altas/baixas, terreos desérticos/frondosos…) provoca masas de aire a diferentes temperaturas e presións e polo tanto ventos, xa que o aire tende a moverse desde as zonas de alta ás de baixa presión.
Entre o 1 % e 2 % da enerxía do Sol é transformada en vento. Isto supón arredor de 53 TWh cada ano, cinco veces máis que o consumo mundial de electricidade nun ano. Pero a tecnoloxía actual só permite aproveitar as correntes de aire horizontais, non as verticais, e ademais só as comprendidas entre 3 m/s e 25 m/s de velocidade.
Os aeroxeradores son os aparellos que transforman a enerxía cinética do vento en electricidade. Os actuais teñen un rendemento próximo ao 50 %, moi preto do máximo teórico do 59 %. Colócanse enriba dunha torre porque o vento é máis uniforme lonxe do chan e de obstáculos como árbores ou edificios.
A torre ten unha altura de arredor de 60 m, dependendo da potencia da turbina. Os aeroxeradores máis eficientes teñen tres pas; un número maior delas diminúe o rendemento debido a que cada pa entra na zona de turbulencia creada pola pa precedente. O multiplicador aumenta unhas 60 veces a velocidade de rotación do eixe, conseguindo unhas 1500 rpm para o xerador eléctrico.
Un aeroxerador típico é revisado só cada seis meses, polo que precisa un mantemento pequeno.
O cataventos e o anemómetro miden a velocidade e dirección do vento, e ordenan a orientación da góndola e a inclinación das pas, para recolleren mellor o vento; mesmo poden frear os rotores se o vento é excesivo.
A electricidade producida baixa polos cables ao convertedor e é entregada á rede eléctrica, con poucas flutuacións.
-
-
A explotación da enerxía eléctrica faise normalmente en parques eólicos máis que con aeroxeradores illados. Cada parque conta cunha central de control que regula a posta en marcha dos aeroxeradores e a enerxía xerada en cada momento. Isto reduce custos e permite enviar a electricidade desde un só punto.

-
-
-
Tamén existen pequenos aeroxeradores, que son adecuados para casas illadas, granxas ou refuxios afastados.

-
Na actualidade, moitos países (Galicia tamén), estudan a instalación de parques eólicos no mar. Algúns xa contan con parques marítimos, como o Reino Unido, Alemaña e Holanda, e outros como Francia, e mesmo Galicia, teñen plans para instalalos.
Segundo un informe de Greenpeace, en España sería posible instalar 25 000 MW de potencia eólica nas costas. Pero non é doado debido a profundidade da plataforma continental. Os custos de instalación son maiores que en terra, pero o rendemento é maior, pola maior constancia dos ventos no mar.
Ademais de ser unha fonte de enerxía renovable, non deixa ningún tipo de residuos, e os terreos onde están instalados os parques eólicos son perfectamente recuperables. Cada kWh producido con enerxía eólica ten 26 veces menos impacto ecolóxico que a combustión do lignito, dez veces menos que a enerxía nuclear e cinco veces menos que o gas natural. Os modernos aeroxeradores son rendibles con só tres meses de funcionamento (recupérase o investimento).
No ano 2005, os parques eólicos españois produciron a electricidade equivalente a que consumen tres millóns de habitantes. E hai empresas no noso país que son líderes mundiais en tecnoloxía eólica.
As críticas máis frecuentes que se opoñen á instalación dos parques eólicos son o impacto que provocan na paisaxe, o ruído que fan, a morte de aves que baten contra as pas e o terreo que ocupan. Non obstante, o ruído é bastante menor nos novos xeradores, comparado cos dos anos 80; e o terreo, unha vez instalados, é practicable, polo que pode ser aproveitado para pasto e agricultura, como adoita facerse.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0




