1.1 Descrición da unidade didáctica
Na unidade 3 deste mesmo módulo estudamos os cambios no relevo terrestre, a tectónica de placas e o ciclo das rochas. Todos eses cambios precisan a utilización de cantidades enormes de enerxía, procedentes do vento, das augas, do Sol e do interior da Terra.
Tamén na nosa vida cotiá utilizamos acotío a enerxía: no funcionamento dos motores, cando acendemos unha lámpada, a cociña ou o televisor, cando xogamos un partido ou, simplemente, cando vivimos, xa que todos os seres vivos precisan unha achega de enerxía para realizaren as súas funcións vitais.
A enerxía é, sen dúbida, o concepto físico máis citado na vida ordinaria e nos medios de comunicación. O grao de desenvolvemento dunha sociedade pódese estimar polo uso que fai da enerxía. Unha persoa do mundo occidental utiliza centos de veces máis enerxía que outra dun país pouco desenvolvido. Aprenderemos a valorar o papel da enerxía na actualidade e recoñecer as fontes de enerxía e as súas limitacións.
Nesta unidade estudamos a enerxía en todas as súas formas. Analizaremos o traballo como un mecanismo de transferencia de enerxía e a potencia como a rapidez coa que se fai un traballo, para rematarmos coa aplicación do principio de conservación da enerxía mecánica en situacións sinxelas e na resolución de problemas numéricos.
Tomando como punto de partida a dependencia da potencia e o tempo no caso de faceren un certo traballo, revisaremos o concepto de magnitudes inversamente proporcionais para chegar a describir a función de proporcionalidade inversa, a súa gráfica e as súas características xerais.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0