2.2.7 Unha cousa importante para conservar: a biodiversidade
Os seres vivos atopan solucións variadas e orixinais para dar resposta ás características do medio en que viven. A enorme variedade de organismos vivos ten a súa orixe nun proceso de adaptación a esas características. Esta variedade recibe o nome de biodiversidade.
As condicións de temperatura, abundancia de alimento, humidade, etc., que se dan nos ecosistemas condicionan a vida dos organismos que os ocupan. Só sobreviven os máis adaptados. Tamén a especie humana sofre este proceso de adaptación: non ten o mesmo aspecto unha persoa que procede do trópico que outra que procede da zona morna. Tamén nós temos que adaptarnos para sobrevivir nas condicións que nos impón o medio.
|
A ecoloxía. Camiñar por un fermoso lugar natural, sentir o canto das aves, etc., son algunhas das emocións máis reconfortantes que podemos experimentar. Cada paisaxe ofrécenos unha grande diversidade de seres e elementos. No noso contorno existen moitos lugares que teñen características propias, que condicionan a vida dos organismos e dos grupos de seres vivos que habitan neles. Eses animais e esas plantas foron adaptándose pouco a pouco ás condicións ambientais do medio que os rodea e á influencia dos outros seres vivos con que conviven. Ningún animal nin vexetal pode sobrevivir independente do medio, porque nel atopa as condicións para as súas actividades vitais. Todos os seres vivos dependen doutros organismos e do medio en que se desenvolven. Establécense así relacións complexas que fan necesaria a existencia duns para a supervivencia dos outros. Ademais, o ser humano intervén nestas relacións de dependencia, forma parte do conxunto dos seres vivos coas mesmas limitacións cas outras especies e intervén con incrible intensidade nas comunidades de seres vivos e no medio, alterando gravemente o equilibrio da natureza. A ciencia que estuda esas relacións entre os seres vivos, así como entre estes e o medio ambiente é a Ecoloxía. |
As actividades humanas exercen no medio un forte impacto, que provoca a extinción de moitas especies e pon en perigo outras moitas. As causas da perda de especies son a contaminación, a corta de bosques, os incendios forestais, o cambio climático, a chuvia ácida, a sobreexplotación dos recursos naturais, etc. Se unha especie se extingue, o equilibrio dos ecosistemas altérase, ao se perder un lugar na ampla rede trófica a que pertencía, e pérdese tamén unha información xenética que deriva de millóns de anos de proceso evolutivo.
En xeral, a acción humana tende a homoxeneizar a flora e a fauna para facer máis produtivos os ecosistemas, facéndoos ao mesmo tempo máis inmaturos, máis vulnerables aos cambios e máis propensos á produción de pragas, etc.
Actividades propostas
S32. Que é a ecoloxía?
S33. Todos os organismos dos cadros seguintes lograron algunha adaptación que os fai máis eficaces para sobrevivir no medio en que viven. Identifique os seres vivos e as adaptacións que lles permite desenvolverse mellor no dito medio.
-




1
2
3
4
-



5
6
7
S34. Que é a biodiversidade?
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0