2.2.3 Características dos seres vivos: as funcións vitais
Todos os seres vivos, non importa o seu grao de complexidade, teñen en común unha mesma composición química e unha mesma unidade de funcionamento.Todos realizan tres funcións básicas que, ao definiren os seres vivos en xeral, se chaman funcións vitais:
-
Nutrición: mediante ela, os seres vivos obteñen as substancias para renovar as que forman as súas estruturas e a enerxía necesaria para realizar as funcións vitais. Os seres vivos toman substancias do medio (alimentos), transfórmanas e tíranlles proveito e expulsan os refugallos.
-
Relación: pon o ser vivo en contacto co medio e permítelle dar resposta a todos os cambios que se producen nel.
-
Reprodución: garante que a vida continúe a produción de descendencia.
Funcións vitais nos organismos unicelulares
Os organismos unicelulares, como organismos vivos que son, realizan as funcións vitais:
-
Nutrición celular. As células aliméntanse de varias maneiras. Por fagocitose inxiren partículas grandes, por pinocitose engolen as pequenas e a través da membrana partículas moi pequenas.
-
Relación celular. As células son capaces de desprazárense cara a estímulos positivos e fuxir daqueles que lles resultan negativos: a luz, a humidade, a temperatura, etc. Este desprazamento realízano de xeitos diferentes. Por pseudópodos, que son prolongacións do seu citoplasma, por medio do movemento continuo de filamentos que, se son curtos reciben o nome de cilios e, se son longos, flaxelos.
-
Reprodución celular. As células reprodúcense de varios xeitos. Por bipartición cando unha célula dá lugar a dúas iguais, por xemación cando a partir dunha xema se orixina unha célula filla, e por división múltiple cando unha célula se divide en moitas fillas.
-

Bipartición
Xemación



División múltiple
Reprodución celular
Movemento celular
Fagocitose
Funcións vitais nos organismos pluricelulares
Os organismos pluricelulares tamén realizan as funcións vitais.
-
Nutrición. Non todos os organismos pluricelulares se nutren do mesmo xeito. Hai dous tipos de nutrición:
-
Autótrofa. As plantas son capaces de fabricar materia orgánica a partir da materia inorgánica por medio dun proceso chamado fotosíntese. Polas raíces toman auga e sales minerais, polas follas toman dióxido de carbono e captan a enerxía luminosa procedente do Sol.
-
Heterótrofa. Os organismos incapaces de fabricar materia orgánica teñen que a tomar directamente do medio, nutríndose doutros seres vivos. Algúns aliméntanse de carne (carnívoros), outros de plantas (herbívoros), ou de plantas e animais (omnívoros), e hainos que se alimentan de materia orgánica en descomposición (saprófitos).
-





Nutrición autótrofa
Nutrición heterótrofa
-
Relación. Os organismos pluricelulares precisan tamén detectar os cambios que se producen no medio e reaccionar ante eles para sobrevivir. Esta relación, que é doadamente observable nalgúns organismos, como os animais, pasa máis desapercibida noutros, como as plantas. Os animais captan a información procedente do medio que os rodea a través dos órganos dos sentidos e procésana e coordinan a resposta cun sistema nervioso. As plantas reaccionan tamén a algúns estímulos como a luz.
-







As plantas móvense para procurar a luz, a humidade ou un apoio; saben onde está abaixo e arriba;
móvense polo contacto dun insecto; controlan a humidade ou ábrense ao Sol
-


Os animais teñen sentidos para captar a información do medio, sistemas nerviosos para procesala e aparellos locomotores para reaccionar
-
Reprodución. Permite que as especies se perpetúen. Os seres vivos orixinan novos individuos semellantes a eles. Hai dous tipos de reprodución: asexual e sexual.
-
- Asexual: dun fragmento dun individuo fórmanse novos organismos iguais a el.
-



Entre as plantas, a reprodución asexual é moi común
-


Algúns animais teñen capacidade para rexenerar partes do seu corpo
-
- Sexual: hai individuos de dous sexos. Cada un produce un tipo de células diferente, os gametos ou células sexuais. Estas células sexuais únense nun proceso coñecido como fecundacióne forman un ovo ou cigoto que se divide e dá lugar a un novo individuo, que leva caracteres dos dous proxenitores.
- O cigoto pode desenvolverse no interior do corpo da nai ata o momento do nacemento, e dicimos que a reprodución é vivípara, ou pode desenvolverse no exterior do corpo da nai cando esta pon ovos. Este tipo de reprodución chámase ovípara.
-


Reprodución vivípara
Reprodución ovípara
Actividades propostas
S16. Razoe e escriba unhas liñas sobre este tema: a reprodución é unha función vital por medio da que se beneficia a especie e non o organismo.
S17. Faga un mapa conceptual sobre as funcións vitais nos organismos unicelulares.
S18. Que significan os termos autótrofo e heterótrofo? Que característica permite clasificar os seres vivos nun ou noutro grupo?
S19. Que é fotosíntese? Que organismos a realizan? Que tipo de nutrición presentan?
S20. Escriba unha relación de estímulos aos que son capaces de responder as plantas e outros aos que son capaces de responder os animais. Compáreas e razoe sobre as causas das diferentes capacidades de respostas dos dous grandes grupos de seres vivos.
S21. Cando empregamos a semente dunha planta para conseguir outra estase reproducindo asexualmente ou sexualmente?
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0