Saltar navegación

2.2.2 Organización celular

A célula

A unidade de organización da materia viva é a célula. Os seres vivos poden estar constituídos por unha ou por máis dunha célula. No primeiro caso falamos de organismos unicelulares, no segundo de organismos pluricelulares.

  • Estrutura. Todas as células teñen estruturas comúns: membrana plasmática, citoplasma e material xenético.

  • Grupos. As células pódense clasificar en dous grupos: procariotas e eucariotas.

    • Procariotas: teñen o material xenético distribuído polo citoplasma.

    • Eucariotas: teñen o material xenético dentro dun núcleo rodeado dunha membrana.

   

Célula procariota

Células eucariotas

 

Todas as células presentan estruturas variadas no citoplasma, son os orgánulos. Cada un deles cunha función determinada.

As células vexetais posúen estruturas que non posúen as células animais, unha parede de celulosa e os cloroplastos.

 

Organismos pluricelulares

 

Os organismos pluricelulares están constituídos por células eucariotas con diferentes especializacións.

  • Tecidos. Cada grupo de células especializadas forma un tecido. Por exemplo, o tecido nervioso está formado por unhas células especializadas en conducir mensaxes dun lado a outro do corpo, chamadas neuronas.

  • Órganos. Os tecidos que interveñen nun mesmo proceso forman órganos, por exemplo o cerebro.

  • Sistemas. Os órganos forman parte de estruturas máis complexas, os aparellos e os sistemas.

  • Organismo. O conxunto destes forma un organismo.

 

 

Actividades propostas

S13. Que tipos de organismos existen atendendo ao número de células que os forman? Poña exemplos de cada un.

 

 

S14. Indique na táboa seguinte as estruturas presentes en cada tipo de célula:

Estrutura celular

Célula procariota

Célula eucariota vexetal

Célula eucariota animal

  • Parede de celulosa

  • Membrana celular

  • Citoplasma

  • Material xenético

  • Núcleo definido por membrana nuclear

  • Cloroplastos

Habilitar JavaScript

S15. Deseguido aparecen varias mostras observadas ao microscopio. Sinale as que corresponden a organismos unicelulares e a tecidos. Indique a mostra nas que as células carecen dunha parte fundamental.

           

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0