Saltar navegación

2.2.6 O reino Animais

O reino Animaisestá formado por dous grandes grupos, os invertebrados (poríferos, cnidarios, moluscos, anélidos, artrópodos e equinodermos) e os vertebrados.

Tipos de organismos

No reino Animais os organismos están clasificados en tipos.

 

Tipo poríferos

As esponxas son organismos cheos de orificios polos que penetra a auga da que o animal retén as substancias nutritivas e o osíxeno

Tipo cnidarios

Posúen unhas células urticantes chamadas cnidoblastos coas que capturan as presas. Inclúe este tipo as medusas e os pólipos

    

Tipo moluscos

Teñen cuncha, externa ou interna, e un pé musculoso. Hainos acuáticos e terrestres. Os acuáticos respiran por branquias e os terrestres teñen un pulmón

Tipo anélidos

O seu nome procede de que teñen o corpo dividido en aneis. O tubo dixestivo recorre lonxitudinalmente o corpo da boca ao ano.

Tipo artrópodos

Son un grupo moi numeroso, tanto en cantidade como en variedade. Presentan exoesqueleto, con patas e antenas articuladas. Algúns son terrestres e respiran por traqueas, que son tubos que percorren o seu corpo con orificios para a entrada do aire. Outros son mariños e respiran por branquias. Pertencen a este tipo os arácnidos (arañas), os insectos (moscas, abellas, ...), os crustáceos (cangrexos, lumbrigantes, ...) e os miriápodos (cempés e milpés).

Tipo equinodermos

Teñen un aparello ambulacral que actúa ao mesmo tempo como sistema locomotor, circulatorio, respiratorio e excretor. Este tipo está formado polas holoturias, os ourizos e as estrelas de mar.

 

Tipo cordados

Este tipo está formado por aqueles organismos que teñen columna vertebral en distintos graos de evolución

     
  • Subtipo vertebrados.

Inclúe todos os organismos que teñen unha columna vertebral perfectamente definida, que é ósea agás nos peixes ciclóstomos (lamprea) e seláceos (quenllas e raias). Nos vertebrados están incluídas cinco clases:

 
  • Clase Peixes.Pel cuberta de escamas; respiran por branquias; desprázanse con aletas, son ovíparos e a temperatura corporal coincide coa do medio.

 
 
  • Clase Anfibios. Pasan de respirar por branquias a respirar por pulmóns e a través da pel. Son ovíparos. Desprázanse con patas.

 
 
  • Clase Réptiles. Teñen a pel cuberta de escamas, desprázanse con patas, teñen respiración pulmonar e son ovíparos.

 
 
  • Clase Aves. Teñen a pel cuberta de plumas, desprázanse con patas e con ás, respiran por pulmóns e manteñen constante a súa temperatura.

 
 
  • Clase Mamíferos. Teñen o corpo cuberto de pelo, desprázanse con patas, respiran por pulmóns, son vivíparos e manteñen constante a temperatura.

 

Evolución dos animais

Todos os animais evolucionaron dun antepasado común e diversificáronse nos tipos coñecidos. Tal evolución compróbase na progresiva aparición de órganos, aparellos e sistemas que gañaron complexidade e eficacia para a realización das funcións vitais. Os animais pasaron de ser agrupacións de células con unha mínima especialización (esponxas) a estar formados por complexos sistemas e aparellos perfectamente especializados (mamíferos).

Actividades propostas

S29.Indique o tipo a que pertencen os animais seguintes: lontra, vacaloura, bolboreta, polbo, xílgaro, cangrexo, araña, mosquito, medusa, esponxa, coral, estrela de mar, tartaruga, víbora, babosa, tritón, troita, gato, samesuga e ornitorrinco.

S30. Por que son perigosas algunhas medusas?

S31. Explique a relación entre o medio en que vive un animal e o seu aparello respiratorio.

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0