Saltar navegación

1.3.8 España na UE

Cando se asinou o Tratado de Roma en 1957, España tiña un réxime ditatorial. Os países asinantes non contaron con ela, xa que non cumpría os requisitos políticos necesarios. En 1979 comezaron as negociacións para a adhesión de España á Comunidade Económica Europea (CEE). O requisito esixido era dispor de institucións democráticas e a adaptación da economía española á comunitaria, sobre todo na produción agraria e pesqueira. España, ademais, solicitou tempo para se adaptar á unión aduaneira e á existencia de determinados monopolios, e permitir así a integración progresiva dalgúns sectores produtivos. Tras longas negociacións, tanto España como Portugal incorporáronse á CEE en 1986.

Balance da incorporación de España á UE

Parte do desenvolvemento económico e social de España débese á integración europea:

  • España comezou a recibir fondos da CEE desde 1987. Estas axudas crearon uns 300.000 empregos anuais.
  • A renda per cápita actual é o 97,7 % da media comunitaria; no ano 1986 era dun 68 %.
  • O 90 % dos investimentos que recibe España do exterior procede da Unión Europea.
  • Os fondos europeos serviron para financiar proxectos como:

–      Construción do 40 % de autovías e ampliación de portos, aeroportos e metros.

–      Programas educativos para estudantes.

–      Tarxeta Sanitaria Europea.

–      Restauración ou reconstrución do patrimonio artístico e monumental.

En 1986 Portugal incorporouse, xunto con España, á CEE. Portugal é unha república parlamentaria con capital en Lisboa (2.600.000 habitantes). Ten unha poboación de 10.500.000 habitantes, que falan portugués. A lingua portuguesa e a lingua galega teñen unha orixe común; ambas as dúas proceden do galego-portugués medieval, derivado do latín.

 Bandeira de Portugal

Galicia na Unión Europea

Desde 1993 Galicia participa nos asuntos europeos a través da Conferencia para asuntosrelacionados coas Comunidades Autónomas. Os traballos da Conferencia cristalizan en acordos sobre materias diversas: axudas públicas, participación interna das Comunidades Autónomas nos asuntos europeos a través das conferencias sectoriais, creación dun conselleiro para asuntos autonómicos na Representación Permanente de España ante a Unión Europea (REPER) ou a participación das Comunidades Autónomas nos procedementos ante o Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas.

  • Comité das Rexións. O Comité das Rexións é unha asemblea consultiva da Unión Europea composta por 22 representantes dos entes locais e rexionais. Debe ser consultado en dez ámbitos: educación e xuventude, cultura, saúde pública, redes transeuropeas, cohesión económica e social, política de emprego, política social, ambiente, formación profesional e transporte.
  • Comités da Comisión. Desde 1998 Galicia participa directamente nas actividades de determinados comités, que asisten e controlan a Comisión Europea no exercicio das súas funcións. Coa participación nestes comités, Galicia persegue unha maior presenza dos seus intereses e coñece as políticas comunitarias de maior impacto nesta comunidade.
  • Cooperación interrexional multilateral. Galicia participa nas organizacións nas que se articula o Movemento Rexional Europeo:

–      Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas de Europa (CPRM) e, particularmente, pola súa Comisión Arco Atlántico.

–      A Comisión Arco Atlántico está integrada por 30 rexións de España, Portugal, Francia, Reino Unido e Irlanda. O seu obxectivo é definir unha política de desenvolvemento de tales rexións para reducir os efectos do seu carácter periférico e valorar a súa colaboración, especialmente no ámbito marítimo e na ordenación do territorio.

Portada do capítulo dedicado a Galicia na Guía de itinerarios culturais das rexións de Europa, publicado pola Asemblea das Rexións de Europa en 1990.

 Portada do capítulo dedicado a Galicia na Guía de itinerarios culturais das rexións de Europa

 

  • A condición periférica de Galicia e a repercusión nela das políticas europeas. Algunhas consecuencias da incorporación de Galicia á Unión Europea son:

–      Aumentou o comercio en xeral, pero tamén o déficit da nosa balanza comercial.

–      Incrementouse o investimento de capital da UE en Galicia.

–      Mellorou o PIB per cápita, pero non tanto como noutras comunidades autónomas de España.

–      Galicia, como o resto de España, comezou a recibir fondos da UE en 1987, que repercutiron no aumento da actividade económica e no emprego. Galicia beneficiouse dos fondos estruturais (FEDER, FEOGA, IFOP, FSE, INTERREG e LEADER) e dos de cohesión. Unha importante cantidade deses fondos foi directa á mellora das infraestruturas (autovías e portos) e á restauración do patrimonio artístico-cultural.

–      Determinadas medidas na agricultura e na gandaría prexudicaron a economía de Galicia: a cota leiteira, a reestruturación da gandaría e o arrinque de vides...

–      Galicia recibiu fondos para renovar o sector pesqueiro. Pretendíase conseguir un sector máis competitivo, desde a extracción á comercialización, axustando o tamaño e as características da flota ás posibilidades e ás esixencias dos novos caladoiros. Con esa finalidade, construíronse novos barcos, modernizáronse os existentes, despezáronse moitos e creáronse empresas mixtas noutros países con ricos caladoiros. Algunhas medidas xeraron paro no sector pesqueiro.

–      A industria galega tiña moitas limitacións ante as empresas europeas: falta de competitividade, especialización en sectores de pouca demanda, reducido tamaño das empresas, escaso desenvolvemento tecnolóxico... A desaparición de aranceis acelerou o proceso de reconversión industrial, que afectou sobre todo o sector naval en Vigo e Ferrol.

–      Os estudantes galegos participan nos programas educativos europeos: Erasmus, Lingua, Sócrates...

–      Tarxeta Sanitaria Europea, que asegura o tratamento médico e cirúrxico para os españois que viaxan pola UE.

  • A Eurorrexión Atlántica Galicia-Norte de Portugal. Coa entrada da Península Ibérica na Unión Europea, a fronteira administrativa que separaba Galicia e o norte de Portugal diluíuse. A cooperación transfronteiriza deu lugar á creación do Eixo Atlántico e da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, que traballan para converter as dúas rexións en competitivas no mercado global. Esta asociación crea un espazo rexional interestatal que persegue eliminar efectivamente as dificultades á libre circulación de persoas, capitais, mercadorías e servizos.

O nacemento do Eixo (1992) supuxo que Galicia e o Norte de Portugal impulsaran conxuntamente o sector turístico, a deslocalización de empresas e o desenvolvemento de iniciativas empresariais a un e outro lado da fronteira.

A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal abrangue unha poboación de seis millóns de habitantes e ten unha extensión de 50.000 Km2. As dezaoito cidades do Eixo, catro delas Patrimonio da Humanidade, configuran o sistema urbano da eurorrexión e agrupan en conxunto aproximadamente o 50 % da súa poboación. A experiencia compartida é un dos principais valores: acolléronse a programas europeos para a rehabilitación dos seus cascos históricos. Este espazo rexional integra estas cidades: A Coruña, Braga, Bragança, Chaves, Ferrol, Guimarães, Lugo, Monforte de Lemos, Ourense, Peso da Régua, Pontevedra, Porto, Santiago de Compostela, Viana do Castelo, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Vila Nova da Gaia e Vila Real.

Estas pretenden ser motores do desenvolvemento do espazo rexional en que se insiren, e caracterízanse por teren similares realidades socioeconómicas e culturais.

 Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal

A Eurorrexión debe basearse na mellora das infraestruturas, básicas para o desenvolvemento común (alta velocidade ferroviaria entre Galicia e Portugal) e na colaboración en materia ambiental, especialmente no desenvolvemento sustentable.

Actividades propostas

S27. Que cambios económicos experimentou España tras o ingreso na UE?

S28. Cite algúns proxectos financiados polos fondos europeos.

S29. Que beneficios e desvantaxes tivo para Galicia a entrada de España na UE?

S30. Que é a Eurorrexión Atlántica Galicia-Norte de Portugal e cales son os seus obxectivos?

S31. Indique como participa Galicia na Unión Europea a través de:

    • A Conferencia para asuntos relacionados coas Comunidades Autónomas.
    • O Comité das Rexións.
    • O Movemento Rexional Europeo.

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0