Organización política
1.3.4 As institucións da UE
- Consello Europeo: responsable das orientacións xerais da política comunitaria. Composto por todos os xefes de Estado ou de Goberno dos países membros, e os ministros de asuntos exteriores.
- Consello de Ministros: está formado xeralmente polos ministros de asuntos exteriores dos países membros. Toma as decisións máis importantes e coordina as actuacións dos Estados da Unión. Ás veces, cando os asuntos así o requiren, asisten outros ministros.
- Parlamento Europeo: representa os cidadáns e as cidadás da UE, e os seus membros son escollidos directamente por sufraxio universal. Os eurodeputados organízanse por grupos políticos, de acordo cos partidos que representan. O Parlamento ten a función lexislativa: elabora as leis e aproba os orzamentos da UE. Organízase en comisións para traballar temas concretos e controla o Consello de Ministros e a Comisión Europea.
- Comisión Europea: exerce a función executiva, garante o cumprimento das normas europeas, propón os proxectos de lei que se presentan ao Parlamento e ao Consello de Ministros, controla o cumprimento dos acordos e tratados e elabora os orzamentos para o Parlamento e o Consello. A Comisión está formada polo Presidente e os Comisarios, elixidos polos Estados membros para catro anos.
- Tribunal de Xustiza: exerce a función xudicial. Garante o respecto, a interpretación e o cumprimento das leis comunitarias. Está formado por un xuíz de cada país membro; renóvase cada cinco anos.
- Defensor do Pobo: pode ser consultado polos cidadáns e as cidadás dos Estados membros que consideren que foron tratados inxustamente por algunha das institucións da Unión.
- Outras institucións.
– Banco Central Europeo: xestiona o euro e a política monetaria da UE.
– Tribunal de Contas: encargado de controlar os gastos da UE.
– Comité das Rexións: representa as autoridades locais e rexionais.
– Banco Europeo de Investimentos: financia o desenvolvemento dos sectores económicos comunitarios que o necesitan.
– Consello Económico e Social: representa a sociedade civil organizada (sindicatos, empresarios, consumidores...).
Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0