1.3.1 O proceso de creación da Unión Europea
Nunha Europa desfeita pola II Guerra Mundial, varios países decidiron crear unha organización europea encamiñada a evitar novas guerras e fomentar o desenvolvemento económico. O primeiro paso deuse en 1951, cando Francia, a República Federal de Alemaña, Bélxica, Países Baixos, Italia e Luxemburgo asinaron en París un tratado que creou a Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro (CECA). En 1957 eses mesmos países asinaron o Tratado de Roma e crearon a Comunidade Económica Europea (CEE) co obxectivo de estableceren un mercado común europeo que permitise a libre circulación de bens, servizos, persoas e capitais, e facilitase así o desenvolvemento económico.
A Acta Única Europea asinada en 1986 relanzou o proxecto de unificación e fixou para 1993 a apertura do mercado único europeo. O Acordo de Schengen, asinado en 1985 e completado posteriormente, permitiu a libre circulación de persoas entre varios Estados da Comunidade.
O Tratado da Unión Europea ou tratado de Maastricht, asinado en 1992, dá paso á Unión Europea, organización económica para integrar os Estados comunitarios mediante a cooperación interna. Ten por finalidade:
- Promover o progreso económico e social equilibrado e sustentable.
- Afirmar a súa identidade internacionalmente.
- Reforzar a protección dos dereitos e intereses dos cidadáns europeos.
- Desenvolver colaboración estreita no ámbito da xustiza e dos asuntos interiores.
- Manter íntegro e desenvolver o acervo comunitario.
A Unión Europea coordina a economía dos países membros deseñando unha política agraria común –Europa Verde–, unha política pesqueira –Europa Azul– e unha política industrial.
A política rexional trata de reducir as diferenzas económicas entre Estados e rexións.
O Tratado de Lisboa, asinado en 2007, recolle os aspectos fundamentais da organización institucional da Unión, adaptados ás últimas ampliacións de países.
Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0