Saltar navegación

1.1.2 Organización territorial en España

A Constitución establece unha organización do territorio en catro niveis: concellos, provincias, comunidades autónomas e Administración central.

Os concellos ou municipios

Os concellos conforman a división territorial local. Constitúen a administración máis próxima aos cidadáns. Actualmente existen en España 8.104 municipios, dos que 315 son galegos. Os concellos teñen estas características:

  • Poden estar formados por un ou varios núcleos de poboación.
  • Réxense pola administración local. O concello é o máximo órgano de goberno municipal e está formado polo alcalde e os concelleiros, que se elixen democraticamente. Os cidadáns elixen os concelleiros; estes elixen os alcaldes.
  • Obteñen ingresos dos impostos propios e dos que recada do Estado ou da súa Comunidade Autónoma. A cantidade recibida depende do número de habitantes.
  • Proporcionan servizos indispensables para os cidadáns:

–      Deben dispor de iluminación pública, recollida de residuos domésticos, limpeza viaria, auga potable, sumidoiros, pavimentación, cemiterio, policía local...

–      Os de máis de 5.000 habitantes deben ofrecer parques públicos, biblioteca, mercado e tratamento de residuos.

–      Os de máis de 20.000 habitantes deben dispor de protección civil, servizos sociais, prevención e extinción de incendios, e instalacións deportivas públicas.

–      Os de máis de 50.000 habitantes, transporte urbano e protección ambiental.

A Administración provincial

As provincias son territorios que agrupan varios concellos. A administración provincialé unha división territorial. Na actualidade a división provincial ten tres funcións:

  • Serve de circunscrición electoral do Estado (delimita o territorio para as eleccións).
  • Serve de división territorial da administración periférica do Estado central, representada polo subdelegado do Goberno.
  • É a entidade local de maior rango e ten a función de cooperar cos municipios. Os deputados da Deputación Provincial escóllense entre os concelleiros electos. O presidente da deputación escóllese entre os deputados provinciais electos.

 

Provincias españolas

Provincias españolas

 

 

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0