Saltar navegación

1.1.1 España: unha democracia parlamentaria

En 1975, tras a morte de Franco, España accedeu a un réxime democrático. O pobo español recuperou dereitos e as liberdades tras case corenta anos dunha ditadura de carácter persoal. Este paso á democracia foi posible grazas á colaboración de todas as forzas políticas no período da Transición, etapa na que se fixeron as reformas políticas necesarias para desmantelar as institucións franquistas vixentes, á vez que se organizaban as novas de carácter democrático. A Transición foi un exemplo de consenso, diálogo e tolerancia.

Todas as forzas democráticas estableceron como obxectivo da Transición devolverlle a soberanía ao pobo español, instaurar un réxime democrático e legalizar todos os partidos políticos ata chegar á celebración dunhas eleccións xerais libres para formar unhas Cortes constituíntes que elaborasen unha Constitución.

España quedou constituída así como unha democracia parlamentaria cun xefe de Estado que é o rei, que reina pero non goberna. A súa funcións é representar o Estado e ser árbitro entre as institucións; carece de poder lexislativo (non pode elaborar leis) e non ten funcións executivas (non pode gobernar) nin pode xulgar. O cargo de rei é vitalicio e hereditario, a diferenza do xefe de Estado dunha república.

A Constitución

A actual Constitución española é de 1978. A Constitución declara que España é un Estado democrático e de dereito, no que a soberanía reside no pobo e a forma de goberno é a monarquía parlamentaria, cunha organización territorial descentralizada. Establece o sufraxio universal para homes e mulleres maiores de 18 anos e a separación de poderes.

División de poderes no Estado español

  • Parlamento: función lexislativa. As Cortes constan de dúas cámaras: o Congreso dosDeputados e o Senado. Deputados e senadores son elixidos cada catro anos: encárganse de elaborar e aprobar as leis e de controlar o Goberno. O Presidente do Goberno é elixido polo Parlamento e está sometido, co seu goberno, á vixilancia das Cortes.
  • Goberno: función executiva. Intégrano o presidente, os vicepresidentes e os ministros. Determina a política que debe seguir o Estado e aplícaa a través da Administración do Estado. Fixa os obxectivos políticos nos diferentes campos (industria, agricultura, educación, sanidade, cultura, etc.) e as estratexias para alcanzalos.
  • Xuíces e maxistrados: desempeñan a función xudicial. Correspóndelles administrar xustiza, aplicando as leis. Interpretan as leis elaboradas polo Parlamento e son independentes dos outros poderes. Só están sometidos ao imperio da lei.
 División de poderes

Outras institucións do Estado español

  • Tribunal Constitucional. Interpreta as leis e determina se están de acordo coa Constitución.
  • Defensor do Pobo. Defende os dereitos e liberdades dos cidadáns e cidadás.

 

Constitución española

Artigos

  • Soberanía do pobo

–     1.2

  • Cortes Xerais

–     66 a 92

  • Poder Xudicial

–     117 a 127

  • Goberno

–     97 a 104

  • Sufraxio

–     23.1, 68.1, 69.2, 140, 152.1

  • Tribunal Constitucional

–     159 a 164

 

 

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0