1.3.7 Constitución europea
Para acomodar a estrutura e o funcionamento da Unión Europea á realidade de 27 Estados déronse sucesivos pasos para elaborar e aprobar unha Constitución común. Obxectivos da Constitución eran:
- A maior integración política.
- A creación dun espazo común de liberdade.
- A seguridade e a xustiza.
- A promoción do pleno emprego.
O intento de aprobación desta Constitución foi un proceso longo e difícil, polas resistencias que atopou en varios países da Unión. Por exemplo, Francia rexeitou en 2005 mediante referendo a aprobación da mesma.
Moitos dos aspectos da constitución foron incluídos no Tratado de Lisboa, asinado en 2007.
Actividades propostas
S19. No seguinte mapa político de Europa, sitúe os 27 estados da Unión Europea.

S20. Conteste ás seguintes cuestións:
- Cales son os principais obxectivos da UE?
- Que institucións da UE teñen máis poder de decisión?
- O Parlamento Europeo, que organismos controla?
- Quen forma parte do Consello Europeo? Cal é a súa función?
- Cal é a principal función do Consello de Ministros?
- Que funcións desempeña a Comisión Europea?
- Quen forma parte do Tribunal de Xustiza? Que garante este tribunal?
S21. Describa as principais competencias: Consello de Ministros, Consello Europeo, Parlamento Europeo, Comisión Europea e Tribunal de Xustiza.
S22. Con que Tratado se funda a Unión Europea? En que ano?
S23. Que obxectivos marca o Tratado de 1992 para os Estados Comunitarios?
S24. Emparelle:
- Política agraria. Política pesqueira. Política industrial.
- Reconversión, transformación ou limitación. Europa verde. Europa azul.
S25. Que pretende a Unión Europea coa política rexional?
S26. Conteste ás seguintes cuestións sobre a Unión Europea e as súas políticas:
- En que se basea a política rexional da UE?
- A que se dedican os fondos estruturais e os fondos de cohesión?
Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0
