2.3.1 A acentuación das palabras (aspectos teóricos)
Neste apartado imos revisar as regras de acentuación gráfica en galego.
O acento das palabras. A sílaba tónica
As clases de palabras segundo a posición da sílaba tónica (regras xerais):
-
Agudas: cando a sílaba tónica é a última. Levan acento gráfico ou til cando son polisílabas (máis dunha sílaba) e rematan en vogal, en vogal + n ou en vogal + s. Exemplos: motor, papá, cartón, alguén, irmáns...
Non levan acento gráfico cando son monosílabasnin cando acaban en ditongo decrecente (seguido ou non de n ou s): amei, amou, seguiu...
-
Graves: cando a sílaba tónica é a penúltima. Levan acento gráfico cando rematan en consoante distinta de –n ou –s e en grupos consonánticos distintos de –ns. Exemplos: dúctil, lapis, paxaro, fácil... Tamén se acentúan as palabras graves con ditongo decrecente na última sílaba: amábeis.
-
Esdrúxulas: cando a sílaba tónica é a antepenúltima. Levan sempre acento gráfico. Exemplos: cárcere, árbore, médico...
Acentuación de i, u en hiato
Con independencia do dito anteriormente, as vogais i, u tónicas levan acento gráfico cando van inmediatamente antes ou despois dunha vogal átona, para indicar que ambas as vogais pertencen a sílabas distintas e que, polo tanto, non forman ditongo. Exemplos: acentúo, aínda, baúl, caída, egoísmo, etc. Para indicar que non forman ditongo coa anterior, as vogais i, u tónicas non se acentúan graficamente cando entre estas e a átona aparece o grafema h: prohibo.
Lembre que ditongo é a agrupación de dúas vogais na mesma sílaba: paciencia, loureiro, puido. Hiato é o encontro de dúas vogais que pertencen a distintas sílabas: ce-o, sa-í-da.
O til diacrítico
Úsase o til diacrítico para diferenciar na escrita dúas palabras homógrafas (que se escriben igual pero que teñen distinto significado ou función). Algunhas destas palabras son:
-
á (a + a artigo; substantivo)
a (artigo; pronome; preposición)
bóla (“esfera”)
bola (“peza de pan”)
cá (ca + a)
ca (conxunción)
cás (ca + as)
cas (preposición)
chá (“plana”)
cha (che + a)
-
có (ca + o)
co (con + o)
cós (ca + os; substantivo)
cos (con + os)
cómpre (“é mester”)
compre (“merque”)
dá (presente e imperfecto do verbo dar)
da (de + a)
dás (presente do verbo dar)
das (de + as)
dó (“compaixón”)
do (de + o)
é (presente do verbo ser)
e (conxunción)
Actividade proposta
Actividades propostas
S3. Poña os acentos gráficos que faltan nas palabras destas frases.
-
Vimolo cando entraba no camion.
-
Fixemolo asi porque era moi facil.
-
O sabado imos cortar unha arbore no xardin.
-
Martin foi ao medico e levou o seu automobil.
-
Mercedes estudou musica e agora toca moi ben o saxofon.
-
Deitate comodamente no sofa.
-
Chamaronme por telefono?
Actividade proposta
S4. Nas seguintes frases, poña o til diacrítico nas palabras que o precisen.
-
Nos temos que marchar axiña, xa nos avisaron na casa.
-
Dame a carteira que está enriba da mesa.
-
Aínda non e inverno e xa vai moito frío.
-
A miña irmá vive fora de Galicia, pero ven todos os anos pasar aquí as vacacións.
-
Algunhas persoas so ven a palla no ollo alleo.
-
Vos sempre queredes mais, mais eu xa non vos fago caso.
-
Fixo un no no amalló do zapato.
Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License