2.8 Textos argumentativos (aspectos teóricos)
Argumentar é proporcionar razóns, ideas ou opinións para probar unha tese. O autor defende razoadamente o seu punto de vista sobre un tema determinado e achega datos para probar a veracidade das súas afirmacións. A finalidade é, pois, convencer ou persuadir o lector ou receptor.
A defensa dunha tese supón non só a argumentación no seu favor, senón tamén o rexeitamento dos razoamentos que a contradigan. Para argumentar unha tese hai que:
-
Presentar as ideas cunha orde lóxica.
-
Partir de premisas fiables, evidentes, que non necesiten xustificación.
-
Apoiarse en argumentos ou datos racionais e veraces.
-
Prever as posibles obxeccións aos argumentos que se apuntan.
Normalmente a argumentación combínase coa exposición: primeiro exponse algo e, a continuación, proporciónanse argumentos a favor ou en contra.
Exemplos de textos argumentativos son os editoriais, as críticas, e os artigos dos xornais, as conferencias, os debates, as defensas e acusacións, os discursos políticos…
Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License