2.1 A comunicación televisiva e radiofónica (aspectos teóricos)

A comunicación radiofónica

A radio é o medio de comunicación baseado na palabra oral, aínda que tamén adoita ir acompañada doutras formas acústicas como a música, efectos sonoros e silencios, que contribúen a crear unha determinada ambientación.

Os obxectivos que persegue son os mesmos que os da prensa escrita: informar, entreter e persuadir. De acordo con isto, os programas que se emiten por este medio adoitan ser de tres clases:

  • Programas informativos: noticias.
  • Programas formativos: críticas (de libros, cine, teatro...), faladoiros, debates, etc.
  • Programas recreativos: musicais, concursos...

Entre os recursos que se empregan na radio, a palabra oral é o elemento básico. Os silencios non constitúen signos por si mesmos, senón que adquiren significados vinculados a outros elementos; a música é outro factor importante que intervén na información achegando elementos subxectivos ou servindo como fondo. As variantes musicais empregadas na radio son:

  • Sintonía: serve para identificar un programa, debe ser o suficientemente atraente como para que o recoñecemento sexa inmediato.
  • Raxada musical: música –habitualmente instrumental– de curta duración que se utiliza para separar as devanditas situacións.
  • Efecto sonoro ou flash: sons de duración moi breve.

Xa que logo, para podermos falar de eficacia comunicativa na comunicación radiofónica debemos prestar atención ao discurso oral do emisor (locutor, xornalista, persoa famosa...) e comprobar se produce un discurso adecuado, respectando a coherencia e a cohesión, se fala cun ton de voz e de volume axeitados ou se fala demasiado rápido dificultando a comprensión do que di, etc.

 

A comunicación televisiva

A televisión é o medio de comunicación baseado en elementos visuais e auditivos. Emprega, daquela, elementos verbais e non verbais: a palabra oral e escrita, combinada con imaxes estáticas e en movemento, sons e música.

A televisión utilízase, igual que a radio, cunha tripla finalidade: informar, persuadir e distraer. Estes obxectivos acádanse mediante programas de tres clases:

  • Programas informativos: telexornal, documentais, informativos especiais, etc.
  • Programas formativos: debates, entrevistas, faladoiros, etc.
  • Programas recreativos: películas, concursos, series, telenovelas, programas de variedades, espectáculos deportivos ou doutro tipo, etc.

Á parte da palabra escrita, da tipografía e dos elementos do código sonoro, a imaxe é un elemento fundamental na televisión. Caracterízase pola súa semellanza co obxecto que representa e transmite dous tipos de mensaxe: denotativa e connotativa.

Polo tanto, para podermos falar de eficacia comunicativa na comunicación televisiva debemos prestar atención, dunha banda, ao discurso oral do emisor (locutor, xornalista, persoa famosa...) e comprobar se produce un discurso adecuado, respectando a coherencia e a cohesión, se fala cun ton de voz e de volume axeitados ou se fala demasiado rápido dificultando a comprensión do que di, etc.

Por outra parte, debemos pór atención nas imaxes que acompañan esa locución: se se corresponden co tema do que se estea a falar, se, aínda estando relacionadas co tema, non son as máis adecuadas, se a locución non se ve apoiada por elementos visuais (isto, no medio televisivo, pode ser indicio de ineficacia comunicativa), etc.

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License