2.7 O bilingüismo e a diglosia (aspectos teóricos)

O contacto entre linguas é un fenómeno que existiu desde tempos moi antigos debido a que as sociedades estableceron relacións unhas coas outras ao longo da historia. É practicamente imposible atopar un idioma no mundo que non estea “contaminado” por idiomas veciños. A coexistencia de dúas linguas nunha sociedade supón case sempre, como no caso do galego, que boa parte dos falantes dominen os dous códigos (bilingüismo), pero tamén unha certa desigualdade nos usos que se fan de ambas as linguas (diglosia) e, consecuentemente, a aparición do conflito lingüístico.

O conflito lingüístico aparece nunha sociedade cando dúas linguas en contacto compiten por desempeñar todas as funcións posibles. Adoita producirse cando a lingua allea a un territorio intenta usurpar funcións tradicionalmente asociadas á lingua propia dese mesmo territorio. Isto é o que vén acontecendo entre galego e castelán.

 

O bilingüismo

O termo bilingüismo designa a capacidade que ten unha persoa para se expresar máis ou menos con igual destreza en dúas linguas (bilingüismo individual); en sentido colectivo (bilingüismo social), refírese á comunidade na que se empregan dúas linguas, sendo bilingües boa parte dos seus individuos. Desde esta perspectiva, a maior parte dos galegos somos bilingües e tamén o sería a nosa sociedade.

Os prexuízos lingüísticos son xuízos de valor que consisten en presentar trazos negativos sobre unha lingua ou sobre os seus falantes e teñen como obxectivo provocar o seu rexeitamento.

 

A diglosia

Prodúcese cando existe un desigual reparto de usos entre variantes dunha mesma lingua ou entre linguas diferentes, e cada unha cumpre unhas funcións distintas na mesma sociedade e úsase en situacións e contextos diferentes.

Como nos Séculos Escuros as clases altas falaban castelán, a xente común coidou que o galego valía só para falar nas feiras, cos colegas e as bestas. A ninguén se lle pasaba pola cabeza falarlle galego a un bispo ou a un conde. Sería pólos á altura das mulas. Así que, o pobo galego acordou falar entre si a súa lingua e cos señoritos castelán.

A este fenómeno os lingüistas chámanlle diglosia. Queren dicir que, nunha situación de conflito entre dúas linguas, unha delas posúe privilexios sobre a outra.

Desde esa, aínda falando galego, a hepatite é “hepatitis”, un sarxento de granadeiros é “un sargento de granaderos”, un moble é “un mueble”, un foguete é “un cohete” , unha estrada é “unha carretera” , e así seguido

Carreira, Pepe, Historia de Galicia, en A Nosa Terra, 2010.

 

 

Se unha cidadá chega a unha xanela dunha administración, lle falan en galego e solicita que se dirixan a ela en castelán, que acontecería? Seguramente nada en especial. Ninguén discutiría se ten dereito a realizar esa petición e o traballador que represente aí a Administración pasarase ao español para garantir ese dereito de atención regulado por lei para a lingua oficial do Estado.

Imaxinemos agora a situación inversa. Que acontece se esta mesma persoa é atendida en castelán e solicita que as xestións con ela se realicen en galego? Se alguén pensa que sucederá o mesmo que no parágrafo anterior, que feche o periódico un momento e faga a proba nas dependencias públicas máis próximas. En primeiro lugar, será moi habitual que comece un debate sobre a lexitimidade desa solicitude. Sairá a relucir un inexistente "dereito persoal" do traballador ou traballadora da Administración a non utilizar o galego, tal vez se comente o caso en alto como unha hipotética "imposición" (habería que preguntar a quen), quizais se entren en debates ideolóxicos fóra de lugar...

Hai ocasións nas cales se producirá a mudanza sen problemas, iso é certo, mais na maioría dos casos ese será máis ou menos o panorama. E, en fin, tras o desagradable debate non se garantirá o dereito que a lexislación establece tanto para o castelán como para o galego, a lingua propia de Galicia.

Esta grave irregularidade, que nega nos feitos diarios a cooficialidade do galego e supón un pésimo servizo, permanece sobre todo pola inacción das propias administracións para mudaren a situación. Sabe, por exemplo, un/ha traballador/a da RENFE que en Galicia toda a cidadanía ten o dereito a ser atendida non só en castelán, senón tamén en galego? Tomáronse medidas para que o saiban e para que poidan desenvolverse con fluidez e comodidade en galego? A resposta está presente no último informe do Consello de Europa sobre a situación lingüística en Galicia: non, nada se fixo, a pesar de que existe a obriga de que o fagan. Por certo, tal obriga foi asumida polo Estado español perante este organismo europeo intergobernamental cando o PP contaba con maioría absoluta tanto na cámara galega como no Congreso de Madrid.

Puxemos o exemplo de RENFE como poderiamos pór o de Correos, da Universidade da Coruña, do Concello de Ferrol, da sede da Xunta en San Caetano ou calquera centro do SERGAS. Só uns poucos concellos en Galicia tomaron algunha medida para tentaren garantir o cumprimento do mandato legal de que a atención oral tamén sexa en galego. Imposición a quen?

É moi esclarecedor que sexan os supostos defensores do bilingüismo os que digan que as persoas que traballan na Administración non teñan a obriga de coñecer máis que o castelán. Non é que pensen que "bi" signifique "un", senón que consideran que tal bilingüismo só se debe aplicar a quen quere vivir en galego. Se falas en castelán, debes ter dereito a facelo todiño todiño en castelán e, de ser posible, non ver o galego máis que como un adobío secundario tutelado polo español que, cando deixa de ser flor, molesta. Se queres vivir en galego, pois aí si que debes ser bilingüe, pois o teu é un complemento circunstancial do castelán, lingua de primeira e disque lingua común, como se a sociedade galega non existise.

Hai quen afirma, sen ningún rubor perante tal manifestación de racismo lingüístico, que calquera medida para garantir as competencias comunicativas do funcionariado tamén en galego é unha "imposición". O castelán, novamente, sería algo "natural" e "libre"; o galego, "artificial" e "imposto". Son os mesmos que falan de "radicais" ou "talibáns" cando unha parte importante de galegas e galegos solicitan que se cumpra unha verdadeira oficialidade da lingua propia. Tal oficialidade pasa por exemplo porque en todas as dependencias públicas se poida falar e recibir resposta neste idioma, como un dereito individual básico. [...]

Artigo extraído da edición dixital de Galicia Hoxe, 13 de abril de 2009

Actividades propostas

S16 Lea o seguinte texto e responda ás cuestións.

    • Cal é o tema principal do texto?

    • Concorda coa opinión que Carlos Callón expón neste texto? Razoe a resposta con argumentos válidos (máximo unha cara dun folio).

    • Sabe o que é a Mesa pola Normalización Lingüística? A que se dedica? Procure información na rede e formúlea por escrito.

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License