2.6 Funcións sociais das linguas (aspectos teóricos)
Funcións dunha lingua (aspectos teóricos)
A función básica dunha lingua é a de servir como medio de comunicación entre os membros dunha comunidade.
Dependendo do ámbito do uso dunha lingua, a función comunicativa concrétase ou non noutras máis específicas:
-
Función de identidade: refírese á articulación do pensamento do individuo.
-
Función familiar: permite a relación entre os individuos dunha familia.
-
Función laboral: posibilita a comunicación no mundo do traballo.
-
Función local: favorece os contactos entre persoas do mesmo contorno, como amigos, compañeiros, etc.
-
Función institucional: propicia a comunicación entre o cidadán e os estamentos políticos, administrativos, etc.
-
Función cultural: serve como medio para expresar e recibir os saberes das ciencias, das artes e da cultura en xeral.
As linguas do mundo. Situación actual
Actualmente existen no mundo unhas seis mil cincocentas linguas, aínda que só están censadas catro ou cinco mil. O número é difícil de precisar, porque hai zonas do planeta pouco estudadas e porque non sempre está claro que é o que se considera lingua.
-
Linguas hexemónicas. Son as que gozan dun prestixio social, determinado pola existencia dun poder político-económico que as potencia. Cantas máis funcións das sinaladas antes cumpra unha lingua, maior prestixio social alcanza.
-
Linguas minorizadas. Son aquelas que, sendo historicamente propias dun pobo –independentemente de que sexan maioritarias ou minoritarias no seu territorio–, están sometidas a condicións sociais tales que ven restrinxidas as súas funcións; é dicir, cando algunhas destas funcións (de identidade, familiar, local, laboral, cultural, institucional) son desenvolvidas total ou parcialmente por outra lingua foránea.
-
Linguas minoritarias. Son, independentemente da consideración social que teñan, as que posúen un escaso número de falantes. Así como o concepto de lingua minorizada tiña unha dimensión cualitativa e funcional, o de lingua minoritaria é aplicable só en termos cuantitativos.
Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License