Saltar navegación

Fisterra

Fisterra

Esta peza é un bo exemplo de como funciona a música tradicional galega, onde letra e música poden ter orixes diferentes e ir cambiando co paso do tempo.

Historia da peza

Orixe literaria
A letra do retrouso procede dun poema de Manuel Curros Enríquez (1851–1908), unha das figuras máis importantes do Rexurdimento galego. O poema chámase Ten a serena o canto, aínda que tamén se popularizou como Os teus ollos.

(...) Cando se pon a lúa
tras dos penedos,
choran as estreliñas
todas do ceo.
Tamén eu choro
cando non me alumean
eses teus ollos.

O poema completo foi musicado para voz e piano polo compositor galego José Castro Chané (1856–1917) baixo o título Os teus ollos. A súa partitura consérvase na Biblioteca Nacional de España e pode consultarse na súa colección dixital.

Portada partitura Os teus ollos

























Porén, esta non é a melodía que chegou ata nós pola tradición oral.

Versión moderna
A versión que hoxe coñecemos está máis próxima á interpretación realizada por Suso Vaamonde (1950–2000). Este autor publicou a peza co nome de “Miña nai” no ano 1981, nun single editado durante o seu exilio, polo tanto non tivo unha gran difusión no seu momento.

Suso Vaamonde emprega no retrouso a frase final dos versos do poema de Curros, nas estrofas outros textos cunha melodía diferente, crear unha nova canción a partir de materiais tradicionais e literarios. 

Difusión
Anos máis tarde, Treixadura recuperou parte da peza e contribuíu á súa popularización. A súa versión de Miña nai foi publicada co nome de Fisterra no ano 2006 no seu disco Unha semaniña enteira.

Un exemplo de tradición viva
Esta peza amosa que a música tradicional non é algo fixo. A letra pode ter unha orixe literaria ou ben popular, a música pode cambiar, e as versións van evolucionando co tempo segundo quen as interpreta. Por iso, o que hoxe temos é o resultado dun proceso longo, no que se mesturan tradición oral e creación.

Lectura facilitada

A canción vén dun poema.
O poema é de Curros Enríquez.
Chámase “Os teus ollos”.

Un compositor puxo música ao poema.
Pero esa non é a versión actual.

Máis tarde, Suso Vaamonde fixo a versión que hoxe é coñecida.
Usou parte do poema pero engadiu cousas novas.

Despois, o grupo Treixadura levou a canción ao éxito en Galicia.

Esta canción amosa algo importante.
A música tradicional cambia co tempo.
Cada persoa pode facer a súa versión.

Versión 1: Suso Vaamonde (1981)

Versión 2: Treixadura (2006)

Letra completa

Fisterra

Fisterra vai na proa
Camariñas vai no mare
Santa Uxía de Ribeira
Pobra do Caramiñale.

RETROUSO:

Eu tamén choro

Eu tamén choro

Cando non me alumean meu ben,

eses teus ollos (x3)

Cando non me alumean meu ben 

Eses teus ollos


Se queres que brille a lúa
Pecha os ollos meu amore
Que mentras os tes abertos
A lúa pensa que hai sol-e

RETROUSO

Para sardiñas Aguiño
Para bolos Castiñeira
Para rapazas bonitas
Santa Uxía de Ribeira.

RETROUSO

Primeiro a cantar... Fisterra

Volve escoitar o vídeo de Treixadura, úsao como base para cantar en grupo.

Partitura vocal de Fisterra

E logo a tocar... Fisterra

Por último vas tocar algunha das partes do arranxo:

Partitura xeral de Fisterra

O alalá tamén é actual

Como pasa co resto de música tradicional, o alalá é fonte de inspiración para músicos actuais. Velaquí un par de exemplos:

Baiuca e Carlangas

Astarot

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)