Antes da foliada virtual hai que "quentar a pista".
A música e a danza forman parte da cultura e das festas populares, para coñecelas dabondo só tes que escoitar e observar un chisco para coller ritmo antes de seguir coa festa.
Audio
A forma musical
Recorda que a forma musical é a estrutura dunha peza musical ou modo no que se organizan os temas musicais dentro dunha composición. É dicir, como se organizan e relacionan as distintas partes que pode ter unha peza musical (como pode ser unha copla e un retrouso, por exemplo).
A forma musical é a maneira de organizar as ideas musicais dentro dunha composición. Representamos a forma utilizando as letras do abecedario (A, B, C etc.) se unha frase é semellante chamarase A' (chamándose A prima) pero se a frase é diferente utilizaremos a letra seguinte, por exemplo B.
Como se organiza unha peza...
O compositor da peza musical vai utilizar, fundamentalmente, estes recursos para organizar as súas ideas musicais:
Repetición: A A
Variación: A A’
Contraste: A B
Tipos
Segundo como se organicen as letras atopamos formas fixas, como poden ser as seguintes:
Forma binaria (AB): con dúas seccións contrastantes.
Forma ternaria (ABA): cunha sección contrastante (B) que está no medio de dúas seccións iguais ou semellantes (A).
Forma rondó (ABACA...): as cancións con esta forma presentan un tema principal (A) que se repite alternando con temas contrastantes (B, C).
No folclore é habitual atoparnos co esquema Copla-Retrouso, pero tamén podemos atopar o esquema Estrófico (é dicir, A, A', A'', A''', e sucesivamente), no que unha idea musical repítese con distinta letra tantas veces como letras se teñan.
Na música popular urbana imos atopar esquemas semellantes con lixeiras variacións, partindo do esquema Estrofa/Copla- Retrouso, esta forma base pódese expandir cunha introdución antes da copla, un preretrouso antes do retrouso, unha ponte que xunte retrouso con copla e unha coda final. Moitas veces as partes que se engaden son unha variación do retrouso ou da copla. Un esquema frecuente é: introdución-copla-retrouso-copla-retrouso-ponte-copla (A,B,C,B,C,D,C)
Lectura facilitada
A forma musical é a estrutura dunha canción.
Estudamos a forma dividindo as partes da música con letras (A, B, C...)
As diferentes partes da música poden ser de varios tipos:
Repetición de música escoitada antes
Variación de música escoitada antes
Contraste: música nova
Hai diferentes formas musicais.
A B: ten dúas partes diferentes.
A B A: a primeira parte volve ao final.
Rondó: unha parte repítese varias veces. Entre medias aparecen partes diferentes.
Moitas cancións teñen copla e retrouso. Estas partes repítense ao longo da canción.