Glosario
Foliada
-
Definición:
-
Festa popular tradicional de Galicia, nela a xente reúnese para cantar, tocar música e bailar.
-
Exemplo:
-
Na foliada a xente bailou muiñeiras ao son da gaita e do tamboril
Definición:
Festa popular tradicional de Galicia, nela a xente reúnese para cantar, tocar música e bailar.
Exemplo:
Na foliada a xente bailou muiñeiras ao son da gaita e do tamboril

Nemo e Sara son dous irmáns que cursan a ESO nun instituto galego. Dun tempo a esta parte observan que as rúas están cheas de carteis nos que se pode ler: foliada, en letras ben grandes. Moitas veces levan debuxos de instrumentos tradicionais ou fotos de xente bailando. Un día paran diante dun cartel de cor verde cunha pandeireta debuxada. Nemo pregúntalle a Sara se sabe o que quere dicir o cartel.
— Non o sei, Nemo, pero sabes que a avoa tocaba a pandeireta e bailaba?
— Pois non tiña nin idea, nunca nos falou diso.
— Pois a min o tío Pucho ensinoume unha vez un vídeo dela. Sabes que podemos facer? Esta fin de semana imos á casa dos avós, podemos preguntarlles!
Os dous irmáns agardaron toda a semana e o sábado, despois de comer, comezaron a investigar mentres axudaban á avoa a recoller a mesa.
— Avoa, o outro día había un cartel na rúa con debuxos de pandeiretas e xente bailando. Poñía “foliada”. Sei que é unha especie de festa, pero gustaríame que me contases un pouco como é —dixo Nemo.
— Pois unha foliada é unha festa, aínda que ten moitos nomes. Na miña zona, a estas festas chamábanlles seráns. Nas foliadas a xente cantaba e bailaba cancións populares.
— Como me gustaría ir a clase para poder bailar ben e ir a unha foliada...! —suspirou Sara.
— Non fai falta saber bailar ou cantar ben, ti ías alí e aprendías dos outros. Un sacaba un punto e os outros imitábano. Todos aprendían de todos e aínda por riba divertíanse —dixo a avoa.
— Pero ti tocabas a pandeireta, verdade? Poderías ensinarnos algunha cantiga doada?
— Por suposto. Téñoa gardada no baúl do piso de arriba. Despois de limpala, sacarémola e aprenderemos como se colle, así como algúns ritmos básicos e cancións. As cancións, xunto cos bailes, forman parte da nosa memoria e do noso patrimonio. Xa sodes ben grandes para aprender un pouco e axudar a que a tradición non se perda. Lembrade que todo o que sei ensinoumo miña nai, e a ela a súa, de xeito oral. Agora seredes vós quen teñades que aprender para ensinarlles ás seguintes xeracións.
Nemo e Sara son dous irmáns. Estudan nun instituto de Galicia.
Nos últimos días ven moitos carteis nas rúas. Nos carteis aparece a palabra foliada en letras grandes. Tamén hai debuxos de instrumentos e persoas bailando.
Un día paran diante dun cartel verde cunha pandeireta. Nemo pregúntalle a Sara que significa a palabra foliada.
— Non o sei, Nemo. Pero sabes que a avoa tocaba a pandeireta e bailaba?
— Non o sabía. Nunca nos falou diso.
— Pois o tío Pucho ensinoume un vídeo dela. Esta fin de semana podemos ir á casa dos avós e preguntar que é unha foliada.
Os dous irmáns esperan ata o sábado. O sábado, despois de comer, falan coa avoa mentres recollen a mesa.
— Avoa, vimos un cartel que poñía “foliada”. Sabemos que unha foliada é unha festa, pero como é esa festa? —pregunta Nemo.
— Unha foliada é unha festa —di a avoa—. Ten outros nomes. Na miña zona chamábanlles seráns. Nunha foliada, a xente canta e baila.
— Gustaríame aprender e ir a unha foliada! —di Sara.
— Non fai falta saber moito —di a avoa—. A xente aprendía na foliada. Unhas persoas ensinaban e outras copiaban o que facían. Así todos aprendían e tamén se divertían.
— E podes ensinarnos a tocar a pandeireta? —preguntan.
— Claro. Téñoa gardada arriba. Imos limpala e aprender como se colle a pandeireta. Tamén practicaremos ritmos sinxelos e cancións.
A avoa continúa:
— As cancións e os bailes son parte da nosa cultura. É importante aprender estas cousas para que a tradición non se perda. Eu aprendín da miña nai, e ela da súa. Agora vós tamén podedes aprender e ensinar a outras persoas.

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Atribución Non-comercial Compartir igual 4.0