Glosario
Guía
-
Definición:
-
No folclore galego o guía é a persoa bailadora que inicia os movementos dos bailes, mais tamén pode ser o músico que inicia a primeira frase musical para que o resto do grupo lle acompañe a partir da segunda frase.
Nos bailes tradicionais, a persoa que exerce o papel de guía realiza en primeiro lugar os puntos de forma individual, sendo estes observados polo resto do grupo para repetilos despois.
-
Exemplo:
-
Malia que non saibas o punto que se vai facer, tan só tes que mirar o guía, que é quen o vai facer primeiro.
Folclore
-
Definición:
-
O termo folclore provén de folk (pobo) e lore (saber). Refírese ao conxunto de costumes, músicas, danzas e tradicións que forman parte da vida dunha comunidade. Non só inclúe cancións ou bailes, senón tamén festas, instrumentos, contos, rituais ou formas de vestir. En galego escribímolo con C, en inglés e español con K.
-
Exemplo:
-
A muiñeira, as foliadas e o uso da gaita nelas, son unha pequena parte do folclore galego.
Patrimonio inmaterial
-
Definición:
-
O patrimonio inmaterial é o conxunto de prácticas, saberes e expresións culturais que forman parte da vida dunha comunidade e que se transmiten de xeración en xeración. Inclúe músicas, danzas, festas, rituais, contos e tamén os coñecementos para fabricar e interpretar instrumentos tradicionais.
-
Exemplo:
-
A tradición de tocar a gaita e o saber artesanal para construíla forman parte do patrimonio inmaterial.


Unha recolleita é o traballo de buscar, gravar e gardar cancións, músicas e tradicións que se transmitiron oralmente ao longo do tempo. Moitas pezas da música tradicional galega non estaban escritas, senón que pasaban de persoa en persoa. Por iso foi necesario que investigadores e musicólogos as recollesen antes de que se perdesen.
Fai unha presentación oral explicando o material obtido ás túas compañeiras e compañeiros. Conta quen é a persoa informante, que recolliches e por que che parece importante. O obxectivo é compartir e poñer en valor o patrimonio que descubriches.
Intenta transcribir a peza musical. Transcribe o seu texto se o ten. Se é un conto, historia ou lenda debes transcribila enteira. Neste nivel céntraste en conservar por escrito o material recollido, para que non se perda e poida ser consultado no futuro.
Interpreta ou reproduce na aula a manifestación ou unha das manifestacións recollidas. Pode ser cantando, tocando, lendo ou dramatizando. O importante é dar vida ao que investigaches e compartilo co grupo.