Un ostinato rítmico é a repetición constante dun patrón rítmico ao longo dunha sección ou dunha peza musical. É moi habitual na música popular urbana e na folclórica.
Exemplo:
O patrón rítmico da batería que acompaña We will rock you é un ostinato moi coñecido.
Regra mnemotécnica
Definición:
Unha regra mnemotécnica é unha oración curta e sinxela de recordar que vai axudar a relacionar palabras. En música, estas frases poden axudar a interiorizar ritmos e outros conceptos musicais.
Exemplo:
Hoxe en clase de lingua aprendín os fonemas sonoros e, como son difíciles de recordar, a profesora dixo que utilicemos dúas palabras mnemotécnicas, como son bodega e limoeiro: /b, d, g/ /l, m, r/
Xota
A xota é unha danza estendida por toda a Península Ibérica, aínda que presenta numerosas variantes rexionais, como a jota aragonesa, navarra, castelá ou manchega. En termos xerais, caracterízase por un compás ternario, normalmente en 3/4 ou 3/8, e por un baile en parella con movementos vivos e marcados.
Cómpre sinalar que, aínda que hoxe a denominación jota está amplamente estendida, historicamente moitas destas formas recibían nomes locais que co tempo foron sendo substituídos polo termo máis xeral. Esta evolución responde tanto á difusión do modelo aragonés como aos procesos de homoxeneización terminolóxica ocorridos nos séculos XIX e XX.
Lectura facilitada
A xota é un baile tradicional. Báilase en moitos lugares de España.
Cada zona ten a súa xota. Por exemplo: aragonesa, navarra ou manchega.
A música da xota ten un ritmo de tres tempos. Báilase en parella.
Os movementos son rápidos e marcados.
Antes, estas danzas tiñan outros nomes. Co tempo, empezouse a usar a palabra jota.
A jota aragonesa fíxose moi coñecida.
Audio
No mapa galego...
En Galicia, a xota desenvolveu formas propias e recibiu diferentes denominacións segundo o territorio.
Na zona da Baixa Limia (Ourense) atopamos o nome de vira, relacionado co vira portugués, co que comparte elementos rítmicos e estruturais.
Nas comarcas de Bergantiños e Ordes coñécese como maneo, unha variante tradicional con características diferenciadas. Na área de Santiago recibe o nome de pateado ou zapateado, denominación que fai referencia á forma acentuada de marcar os pasos co pé.
Nalgunhas zonas de Pontevedra e do norte de Ourense a xota pode bailarse en roda, aínda que o máis habitual é a súa execución en parella. Tradicionalmente, o acompañamento incluía o uso de castañolas, empregadas con golpes sinxelos e marcados, sen virtuosismos.
Na comarca da Fonsagrada (Lugo), a xota tradicional presenta unha particularidade destacable: báilase en parellas con castañolas e non existe unha única persoa guía fixa, senón que os bailaríns vanse alternando para marcar o punto, reforzando así o carácter participativo e comunitario do baile.
Lectura facilitada
En Galicia, a xota ten nomes diferentes.
Pode chamarse: vira, maneo ou pateado.
Báilase en parella e ás veces en roda.
Leva castañolas.
Na Fonsagrada, os bailaríns van rotando para marcar o punto.
É un baile de grupo.
Audio
Xoga co ritmo!
A xota en Galicia presenta algunhas fórmulas rítmicas características, ides aprendelas e traballar con elas.
A comer! Ritmos de xota!
En Galicia, nas distintas zonas, é moi común aprender os ostinatos rítmicos que acompañan a xota mediante frases que serven como truco para lembrar.
Colocádevos en roda.
A guía comeza dicindo unha frase que vos ides transmitir os uns aos outros ao oído.
A-NA-CO-ME-PAN: Con esta frase mnemotécnica é como identificamos o ostinato rítmico que moitas veces recoñecemos como xota longa ou simple
Esta frase vaise corresponder co seguinte ostinato rítmico:
Despois, a guía vai acompañar esta frase cunha percusión corporal:
A-NA-CO-ME: catro palmadas no peito
PAN: palmada
Agora, en dirección contraria, van dicirvos outra frase distinta:
CO-ME-MÁIS-PAN: Con esta frase mnemotécnica é como identificamos o ostinato rítmico que moitas veces recoñecemos como xota curta ou valseada
Seguindo o seguinte ostinato rítmico:
Agora a guía vai acompañar esta frase cunha percusión corporal:
CO-ME: dúas palmadas no peito
MÁIS: batemos o pé no chan
PAN: palmada
Propoñede
Agora, en parellas, tedes que pensar nunha frase que encaixe no ritmo de xota longa e outra frase que encaixe co ritmo de xota curta.
Posteriormente decidide unha percusión corporal/xestos que poidan encaixar nese ritmo e nesa frase.
Finalmente vos ensinaredes os uns aos outros as vosas propostas.
Con cales vos quedades?
E combinade!
Volvede á roda.
Agora ides practicar un ritmo que combina os dous previos.
A-NA-CO-ME-PAN-CO-ME-MÁIS-PAN: Con esta frase mnemotécnica é como identificamos o ostinato rítmico que moitas veces recoñecemos como xota combinada ou mixta.
A guía vai pasar este ritmo na roda.
Este ritmo correspóndese con este:
Agora a guía vai acompañar esta frase coa percusión corporal previa:
A-NA-CO-ME: catro palmadas no peito
PAN: palmada
CO-ME: dúas palmadas no peito
MÁIS: batemos o pé no chan
PAN: palmada
E volvede á parella...
Volvede ás parellas previas, agora ides pensar unha frase vosa para a xota combinada e, finalmente, unha percusión corporal e/ou movementos que combinen con este ritmo.
Finalmente ensinarédesvos as vosas propostas e repetiredes as do resto de parellas.
Lectura facilitada
Colocádevos en roda.
A guía di unha frase: A-NA-CO-ME-PAN Este é o ritmo da xota longa.
Facemos:
peito, peito, peito, peito palma
Agora outra frase: CO-ME-MÁIS-PAN Este é o ritmo da xota curta.
Facemos:
peito, peito pé palma
En parellas: Inventade dúas frases. Unha longa e outra curta. Engadide xestos ou percusión corporal.
Ensinade os demais.
Volvede á roda.
Nova frase: A-NA-CO-ME-PAN-CO-ME-MÁIS-PAN É a xota combinada.
Facemos todo xunto.
En parellas: Inventade unha frase nova. Engadide movementos. Ensinade aos compañeiros.
Audio
Improvisade!
Agora volvede á roda. No próximo xogo ides pasarvos os tres ostinatos rítmicos cos que acompañastedes a xota coa túa parella.
Comeza a guía, quen sen previo aviso vai escoller un dos tres ostinatos rítmicos, transmitíndollo ao seu compañeiro da esquerda acompañado dunha das frases que se teñan utilizado... ollo, tedes que ir cambiando de frase, acompañalo dun xesto e... sobre todo.. non perder o pulso!
Cando se teña practicado o primeiro ostinato por toda a roda, a guía vai facer outro distinto comezando polo seu compañeiro da dereita.
Nunha terceira volta, escollerá a dirección que considere para practicar o último ostinato rítmico.
Lectura facilitada
Volvede á roda.
Agora imos xogar cos tres ritmos.
Comeza a guía.
Escolle un ritmo.
Pásallo á compañeira cunha frase e un xesto.
Non perdas o pulso.
Cando remate a roda, facemos outro ritmo cara o outro lado.
Despois, facemos o terceiro ritmo na dirección que queira a guía.
Audio
Primeiro a cantar... a xota de Lugo
Agora ides practicar estes ritmos utilizando esta famosa xota de Lugo.
Agora ides practicar estes ritmos utilizando os instrumentos musicais que hai na clase.
No folclore utilízanse todos os obxectos que poidas ter a man para facer deles instrumentos: as culleres, as cunchas (de vieira, de zamburiñas), unha lata de pemento en pó ben grande... ata un cazo se é preciso.
Utilizando a impresora 3D do centro podedes crear unhas culleres marabillosas coas que practicar os ostinatos rítmicos da xota. Podes descargar o modelo na seguinte ligazón.
Como ves na partitura, en xeral vas usar o ritmo de ostinato de xota curta, "Come máis pan". Porén, vas comezar por "Pan, come máis pan".
Fíxate na partitura, non sempre vas ter que facer o ostinato, ás veces combínase con petos simples.
Comeza a practicar acompañando a frase B, que presenta o ostinato que xa coñeces todo seguido e, despois, practica a frase A, na que a xota curta combínase cos petos simples.
No vídeo seguinte podes ver como tocar con culleres, pandeireta e tambor.
Lectura facilitada
Agora imos usar instrumentos.
Podes usar culleres, cunchas ou latas. Tamén podes facer culleres en 3D.
Imos tocar o ritmo: “Come máis pan”.
Primeiro: “Pan, come máis pan”.
Mira a partitura. Ás veces hai ritmo repetido. Ás veces hai petos simples.
Practica: Frase B → todo o ritmo seguido Frase A → ritmo + petos
Se queres asentar a túa técnica de pandeireta non dubides en traballar cos excelentes vídeos de Xabier Díaz.
Audio
A xota tamén pode ser actual
Como pasa co resto de música tradicional, a xota é fonte de inspiración para músicos actuais. Velaquí algúns exemplos:
A xota na música académica
A xota foi fonte de inspiración para músicos tan coñecidos como Pablo Sarasate (1844-1908) ou Camille Saint-Saëns (1835-1931). Na actualidade, a compositora María Mendoza (1975) baseouse en numerosas composicións no Cancioneiro Popular Galego de Dorothé Schubarth e Antón Santamarina. Mendoza utilizou diversas xotas para realizar composicións como A miña burriña, Estreliña do luceiro ou Airiños, airiños, aires.
Xabier Díaz Xota Delira
Este músico é recoñecido pola seu labor realizando recolleitas e divulgando a música tradicional. Velaquí poñemos un exemplo da música da Xota delira xunto coas Adufeiras de Salitre.
Neste caso o propio músico comparte un titorial para aprender esta xota tan especial:
O lavadoiro, de Eiris Mackencie
Aquí tedes un exemplo dun músico urbán recollendo a xota e reutilizándoa para facer músicas contemporáneas.
Déixaas, de Mercedes Peón
Outro exemplo de reutilización da xota podes velo en Mercedes Peón, música de recoñecido prestixio quen tamén realizou recolleitas. Neste caso reinterpreta a xota xunto coas cantantes Ana Fernández e Mónica de Nut.
Saberías recoñecer cal é o ostinato ritmo de xota utilizado en cada unha das cancións que escoitaches?