Imaxina que alguén, hai moitos anos, escoita unha melodía sempre na casa que lle queda arquivada na memoria, sen partitura, sen gravación. Así chegou ata nós a Mazurca de Bretoña, unha peza que hoxe segue viva grazas ás persoas que a tocaron, ensinaron e conservaron na súa memoria, e se transmitiu a outra xeración grazas á oralidade.
Unha desas persoas é Daniel Méndez Coroas, coñecido como Daniel do Roxo, gaiteiro de Bretoña (1923–2018). Comezou a tocar despois da morte do seu irmán. Tamén traballaba a madeira como zoqueiro. Coas súas mans construía zocos… e tamén gaitas. Música e oficio xuntos.
Audio
A tocar... Vai esa mazurca!
Escoita
Escoitamos unha versión de cuarteto de gaitas (dúas gaitas, tambor e bombo)
Escolle
Escolle a túa parte de percusión.
Culleres, pandeireta e tambor
Visualiza os titoriais e aprende a túa escolla.
Interpreta
Interpreta a túa parte de percusión xunto co pito pastoril galego.
Afonda
Visualiza este vídeo de Suso Vaamonde e intenta aprendelo como facían antes, de oído!!!!
O pito pastoril galego é un instrumento de vento da familia das frautas de bisel. Adoita estar feito de madeira e presenta un tubo con varios buratos para os dedos na parte frontal. O son prodúcese ao soprar polo bisel, facendo vibrar a columna de aire no interior do tubo, igual que nas frautas barrocas que xa coñeces.
O pito pastoril galego é un instrumento que nos axuda a entender como cambia unha cultura co tempo. Na súa orixe, estaba no monte, ligado aos pastores. Era un instrumento sinxelo, feito con canas ou pólas, ademais tamén o usaban os rapaces como pasatempo, para entreterse.
Servía como inicio á gaita, xa que moitos nenos aprendían con el antes de pasar a un instrumento. Co tempo, os artesáns comezaron a facelo en madeira, mellorando a súa afinación e permitindo que entrase na música tradicional e, máis tarde, na música folk galega.
Este cambio mostra un proceso de evolución que se chama refolclorización: a tradición non se mantén igual, senón que se adapta para seguir viva, é mutable.
O pito pastoril galego é un instrumento de vento. É parecido a unha frauta.
Está feito de madeira. Ten buratos para os dedos.
O son faise ao soprar.
Antes usábase no monte. Tocábano os pastores.
Facíase con canas ou pólas. Era un instrumento sinxelo.
Aos rapaces valíalles para xogar e entreterse.
Tamén servía para aprender a gaita.
Co tempo, cambiou.
Pasou a facerse de madeira. A usarse na música galega.
A tradición non é sempre igual. A tradición cambia para seguir viva.
Se a tradición non cambia e a sociedade si, a tradición morre.
Audio
A mazurca tamén pode ser actual?
A mazurca é un bo exemplo de como unha música pode cambiar co tempo sen desaparecer. A súa orixe está en Polonia, onde era unha danza popular. Co paso do tempo, espallouse por Europa, pasando de ser unha práctica local a converterse nun fenómeno musical coñecido en distintos países. Como pasa co resto de música folclórica, a mazurca foi fonte de inspiración para a música académica, chegando incluso a outros estilos.
Chopin
Co paso do tempo, esta danza chamou a atención de compositores como Frédéric Chopin (1810-1849). Chopin colleu ese material popular e levouno ao piano, transformándoo en música para escoitar máis que para bailar. A mazurca deixou de ser só unha danza e pasou a ser unha forma musical chea de matices, máis íntima e persoal. A través das súas obras, a esencia da tradición mantense, pero aparece nun contexto completamente diferente.
Granados
Enrique Granados (1867-1916), tamén empregou a mazurca nas súas creacións. Isto foi posible precisamente porque xa se difundira por Europa. No seu caso, xa non se trata tanto de conservar a danza orixinal, senón de reinterpretala desde unha nova sensibilidade artística.
Lo-Fi
Na actualidade, esta transformación continúa en estilos modernos como o lo-fi. Un exemplo claro é a versión Mazurka in A Minor, Op. 17 de Dao Pham, publicada en 2021 no álbum Lo-Fi Classical. Nesta interpretación, a obra de Chopin mantén a súa melodía recoñecible, pero preséntase cun son máis suave e relaxante, pensado para a concentración ou o descanso. O lo-fi caracterízase precisamente por iso: músicas sinxelas, repetitivas e tranquilas, con pequenas imperfeccións que crean unha sensación cálida e próxima.
Audio
Afinando o diario de aprendizaxe
Nesta fase achegámonos á música tradicional dunha forma máis práctica: escoitamos, interpretamos, bailamos e tamén investigamos como se transmiten estas tradicións. Ao longo deste proceso aprendemos moitos contidos relacionados co ritmo, a música e o baile galego, coñecendo mellor os seus estilos, estruturas e formas de interpretación. Ademais de aprender pezas, entendemos de onde veñen, como se conservan e como seguen vivas hoxe en día. Ao mesmo tempo, exploramos diferentes estilos e vemos como a tradición tamén pode adaptarse e transformarse. Agora é o momento de parar e pensar sobre todo o que fixeches e aprendiches: a túa experiencia, as dificultades, os descubrimentos e as ideas que poden servir para crear algo propio. Toma un momento para reflexionar e recoller estas ideas no teu diario de aprendizaxe.