Saltar navegación

3.3. Muiñeira

Muiñeira

Ilustración dunha rapaza con estilo actual tocando a pandeiretaO baile máis representativo de Galicia é a muiñeira, xénero que algúns compositores da música culta chamaron gallegada e que xa aparece mencionado na poesía lírica de finais do século XV e comezos do XVI. O seu nome, consolidado no século XIX, fai referencia ás muiñadas, reunións festivas que se celebraban arredor dos muíños.

A muiñeira escríbese en compás de 6/8, é un baile caracterizado polo seu ritmo binario, pero ten subdivisión ternaria.

Trátase dun baile solto, normalmente executado en parella, con saltos e xiros moi marcados. Pode organizarse en dúas filas —tradicionalmente unha de mulleres e outra de homes— ou en roda, e os pasos van cambiando segundo avanza a parte instrumental da música

A guía vai marcar o paso que logo repiten o resto de bailaríns.

Lectura facilitada

A muiñeira é o baile máis representativo de Galicia.
É unha danza moi antiga.

O seu nome vén das muiñadas, que eran festas nos muíños.

A música está en compás de 6/8.
Ten un ritmo rápido e marcado.

É un baile solto.
Báilase normalmente en parella.

Ten saltos e xiros.
Pode facerse en filas ou en roda.

Hai unha persoa que marca o paso, chámase guía.
Os demais repiten.

Posición corporal

A posición corporal xeral do corpo debe ser sempre erguida.

  • O peito está alto, os ombros activos pero relaxados (non os subas!) e mantén a mirada alta. A posición, ao bailar baile tradicional, sempre debe de ser unha posición de orgullo.
  • Os brazos están levantados, as mans á altura dos ollos, activas pero non ríxidas.  
  • O corpo acompaña os puntos con lixeiros xiros e balanceos, mantendo a verticalidade mentres os pés realizan pasos rápidos (tacón-punta-tacón).
  • Tradicionalmente, o varón realizaba movementos máis bruscos ou vigorosos mentres a muller bailaba dun xeito máis discreto e recollido, aínda que ambos os dous manteñen a postura erguida.

Persoa recordandoRecorda: peito e mirada arriba, brazos elevados e corpo firme. É moi cansado pero... divertido!

Partes

Dividirémola en tres partes: Descanso, punto e volta.

  • Descanso: tamén chamado paseo, é a parte da coreografía máis sinxela, os bailadores aproveitaredes para tomar aire.
  • Punto: é a parte máis complexa, onde ides sumar pasos base.
  • Volta: avanzamos no espazo, faredes normalmente o mesmo paso.

Observa este vídeo, onde se fai unha explicación máis detallada destas partes.

Ides observar un exemplo sinxelo desta mesma escola na que se ven moi ben as partes desta danza, así como se identifica con claridade quen é o guía e como o seguen as compañeiras e os compañeiros.

Lectura facilitada

Posición corporal
O corpo debe estar erguido.

O peito alto
A mirada arriba
Os brazos levantados
O corpo firme pero relaxado
Os pés fan pasos rápidos.


Partes da muiñeira
A muiñeira pode ter tres partes:

Descanso
É a parte máis doada, serve para respirar e situarse.

Punto
É a parte máis difícil, facemos o paso principal.

Volta
Movémonos polo espazo repetindo sempre o mesmo paso.

Identifica as partes na muiñeira "O bico"

com/watch?v=Gp_v_m3bbJY&t=12s

Icona reprodución vídeo cREAgal

A bailar! Coreografía

Agora ides traballar as distintas partes.

Audio base

Utilizade unha muiñeira gravada como a que se inclúe aquí para poder practicar as distintas partes da muiñeira: 

A muiñeira pódese bailar partindo de distintas figuras. Nós imos facer unha en círculo/roda. 

Descanso

En primeiro lugar imos traballar o descanso.

A guía marca o inicio facendo tres pasos cara dentro do círculo e tres pasos cara atrás, volvendo á posición orixinal. Mentres fai iso vai dar palmadas marcando o pulso. O resto de compañeiros repetide estes pasos.

Punto

Despois do descanso vén o punto.

No punto a guía vai marcar un paso moi sinxelo:

- Estando na posición inicial e sen desprazarse, os brazos están ao longo do corpo e as pernas xuntas. A guía estira os brazos á altura dos ollos á vez que dá un salto e separa as pernas. Volve dar un salto para retomar a posición inicial das pernas, pero os brazos mantéñense na posición de muiñeira habitual.

- Repite o punto outra vez facendo en total catro movementos. Estes pasos pódense acompañar con pitos nas mans. O resto repetide este movemento e xa tedes o voso primeiro punto.

Volta

Despois do punto imos ir á volta, que a imos facer en roda. Nun primeiro momento ides camiñar normalmente ao ritmo da música mentres levades o ritmo da música.
Posteriormente volven suceder as partes de descanso, punto e volta, pero imos ir facendo pequenos cambios... que son os que nos marca a guía.

Novos puntos sinxelos

  • O segundo punto parécese ao primeiro. Partimos de abrir e pechar as pernas pero só unha vez cada (en vez de dúas veces, como no primeiro punto) e logo facemos tres saltos pequenos con pés xuntos no sitio.
  • O terceiro punto varía o segundo punto. Facemos os saltos de abrir e pechar as pernas e logo os tres saltos pequenos, pero en vez de manternos no sitio, usamos eses tres saltos para xirar sobre nós mesmos á esquerda. Ao final do punto temos que quedar na mesma posición inicial así que tes que distribuír ben os tres saltos para que che dea tempo a xirar sobre ti mesmo.
  • O cuarto punto é diferente. Imos tocar coa punta do noso pé dereito contra o chan, logo levar o talón do mesmo pé diante, picar o chan con ese talón e finalmente xuntar os dous pés na posición orixinal. Logo alternamos os pés.

Infinitas posibilidades

As posibilidades de facer puntos son infinitas, aquí partides das máis básicas, pero podedes practicar estas propostas, coas que ademais pódense engadir ás voltas outras posibilidades que van máis alá de simplemente camiñar.

Lectura facilitada

A muiñeira pódese bailar en grupo.
Nós imos bailar en roda.

Primeiro facemos o descanso.
A guía dá tres pasos cara dentro.
Despois dá tres pasos cara atrás.
Vai dando palmadas.
O resto imitades.

Despois facemos o punto.
Partimos parados no sitio.
Saltamos e abrimos as pernas.
Saltamos e pechamos as pernas.
Levantamos os brazos.
Repetimos varias veces.

Despois facemos a volta.
Camiñamos en roda.
Seguimos o ritmo da música.

Logo repetimos descanso, punto e volta.
A guía fai pequenos cambios.

Hai máis puntos sinxelos.
Podemos cambiar os pasos.
Podemos xirar.
Podemos usar diferentes pés.

A muiñeira ten moitas posibilidades.
Podes probar e crear os teus propios pasos.

Propoñede a vosa versión!

Realizade a vosa propia versión da canción: 20 minutos Agrupamento: 4-5 persoas

Pensade todo o que tedes aprendido e practicar, en grupo, as distintas partes da muiñeira. Agora traballade un punto novo e que o teña que aprender todo o grupo.

Ademais, hai distintas formas de facer o descanso e tamén a volta. Que se che ocorre a ti e ao teu grupo?

Practicade a vosa versión coas tres partes da muiñeira.

Ides facela en grupo todos xuntos. Ensinade vosa versión ao resto de compañeiros e compañeiras.

Retroalimentación

Aprendede a versión de todos os compañeiros.

Realizaredes todas as coreografías seguidas dos distintos grupos e decidiredes con que pasos vos quedades.

A muiñeira sempre está de actualidade

A muiñeira é un baile tan coñecido, recoñecido e identificado que son numerosos artistas os que a utilizan na actualidade para facer música utilizando ferramentas que non se corresponden cos tradicionais. Ás veces, podemos atopar revisións de muiñeiras tradicionais, como por exemplo a Muiñeira de Chantada ou ben a utilización da muiñeira para crear novas músicas.

Muiñeira de Chantada nunha versión tradicional

Muiñeira de Chantada nunha versión de Verto

Aquí tes un exemplo de como se pode utilizar a muiñeira na música urbana.

Muiñeira de Chantada nunha versión de Kike Varela

E aquí atoparás outro exemplo, neste caso nunha versión que realizou o DJ Kike Varela.

Fillas de Cassandra

Fillas de Cassandra é un dúo composto por dúas músicas do sur de Galicia, que utilizan o ritmo de muiñeira para propoñer a súa propia palabra mnemotécnica

TATARA, TATARA, TATARA...avoa,

Con esta frase tan rítmica unen o ritmo da muiñeira á identidade cultural e á herdanza dunha persoa, xa que o relaciona coas nosas antepasadas, non só coas nosas avoas, se non coas nosas tataravoas. 
Observa como este grupo musical defende o valor que ten a forma de ver o mundo dos nosos antepasados (a súa identidade cultural) e a importancia de facer que se sintan orgullosos de nós por preservar o seu legado.

Terra de Tanxugueiras

Pero ademais, tamén atopamos a utilización do ritmo de muiñeira para facer música nova, un caso moi coñecido é o da canción Terra, de Tanxugueiras. Este grupo musical fixo unha canción na que precisamente se reivindica o valor da identidade propia, deféndese a lingua (tanto a propia como o resto de linguas de España, xa que a canción utiliza o galego, o castelán o catalán e o éuscaro). É unha mensaxe de universalidade.

Cal é a versión que máis che gusta? Gustaríache meterlle uns pasos de baile? Como serían eses pasos? Podería encaixar o que traballaches previamente na muiñeira?

Outra proposta para bailar

Un dos dous bailaríns e coreógrafos desa actuación Terra no Benidorm fest, Artur Puga, fainos esta proposta para aprender a coreografía. 

Como ves, non é unha muiñeira tradicional, xa que non respecta as partes que traballamos previamente pero... si que nos presenta uns puntos moi interesantes que podemos aprender e logo incorporar ás nosas coreografías. E ademais, esta coreografía pode aprenderse completa seguindo as indicacións de Artur Puga. Anímaste a preparala?

Para saber máis

Mira o seguinte titorial do ritmo da Muiñeira realizado por Xabier Díaz

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)