Contexto no que a música se crea, estuda e interpreta de forma escrita, sistemática e organizada normalmente en espazos formais relacionados co ensino musical, xeralmente en contextos urbanos.
Exemplo:
Unha obra como a Balada Galega interprétase no ámbito académico, mentres que o alalá nace no ámbito folclórico.
Morriña
Definición:
Sentimento de tristeza ou saudade por estar lonxe da terra ou das persoas queridas; unha nostalxia propia da cultura galega.
Exemplo:
En moitos alalás aparece a morriña das persoas que tiveron que emigrar
O alalá
O alalá é unha das formas máis antigas e representativas da música tradicional galega. Trátase dun canto lento e expresivo, normalmente interpretado por unha soa voz e sen acompañamento instrumental ou cun apoio moi discreto. A súa melodía desenvólvese con liberdade, sen un ritmo pensado para o baile, o que permite alongar sons e introducir pequenas variacións cargadas de intención expresiva. O nome procede das sílabas “la-la-lá”, que aparecen como apoio entre os versos e que lle dan ese carácter tan recoñecible.
Desde o punto de vista musical, o alalá é monódico, baseado nunha única liña melódica. Organízase en coplas que poden repetirse con pequenas modificacións, e adoita empregar modos e xiros melódicos propios da tradición galega. Non busca unha harmonización complexa, senón a forza expresiva da voz. As súas letras falan con frecuencia da paisaxe, da morriña, da emigración ou dos sentimentos máis íntimos, polo que pertence ao ámbito do canto para escoitar e transmitir emocións, non para bailar.
En Galicia, os compositores da música letrada ou culta tamén beberon destas fontes populares. Moitos tomaron melodías tradicionais como base para crear obras de concerto. Un exemplo moi coñecido é Xoán Montes (1840–1899), autor da Balada Galega, popularizada co título Negra Sombra, que emprega un poema de Rosalía de Castro. A melodía da obra está baseada nunha melodía dun alalá que o propio compositor recolleu na Cruz do Incio (Lugo).
Lectura facilitada
O alalá é unha forma moi antiga da música galega. É un canto lento e expresivo.
Normalmente canta unha soa voz.
Non leva instrumentos ou leva moi poucos.
A melodía é libre. Non é para bailar. Permite alongar os sons e cambiar un pouco a música.
O nome vén de “la-la-lá”, que aparece entre os versos.
Organízase en coplas que se poden repetir.
Emprega sons propios da música galega. Non busca harmonías complexas. O máis importante é a expresión da voz.
As letras falan de:
a paisaxe a morriña a emigración os sentimentos É unha música para escoitar e sentir, non para bailar.
En Galicia, algúns compositores usaron estes cantos. Tomaron melodías tradicionais para crear música.
Un exemplo é Xoán Montes. Compuxo a obra Negra Sombra.
Esta música está baseada nun alalá recollido na provincia de Lugo.
Audio
Outros compositores
Xunto a Montes, outros compositores como Marcial del Adalid (1826–1881), José Castro “Chané” (1856–1917), José Baldomir (1865–1947), Andrés Gaos (1874–1959), Reveriano Soutullo (1880–1932), Gustavo Freire (1885–1948) e máis recentemente Margarita Soto Viso (1957) incorporaron melodías do folclore ás súas creacións, contribuíndo a construír unha identidade musical galega tamén no ámbito académico galego.
Audio
A textura
A textura en música é un parámetro que relaciona como se combinan os materiais melódicos, rítmicos e harmónicos nunha composición. Sinala como se relacionan as distintas voces que participan nunha peza musical.
Tipos
Monofonía (ou Monodia)
Unha soa liña melódica sen acompañamento, interpretada por varias voces ou unha soa ao unísono. Un exemplo pode ser o canto gregoriano.
Escoita como soa este tipo de textura, como podes observar, só se escoita unha soa voz e distínguese perfectamente a melodía.
Homofonía
Neste tipo de textura dúas ou máis voces móvense simultaneamente cun ritmo semellante, creando acordes entre elas e sen ser ningunha destas voces protagonistas melódicas absolutas. Este é un tipo de textura moi habitual dos cantos corais.
Aquí podes ver un arranxo da mesma canción, pero esta vez para tres voces diferentes. Aínda que unha leva a mesma melodía que antes non acaba de ser protagonista, o que escoitamos é a mestura das tres voces simultáneas.
Escoita como soa:
Melodía acompañada
Neste tipo de textura atoparás unha voz principal que leva o peso da melodía, destacando por enriba do que fan o resto que fan o acompañamento en base a acordes (xa sexan harmónicos ou melódicos). Normalmente este é o tipo de textura da música popular urbana ou tradicional.
Aquí podes ver un arranxo da mesma canción, pero esta vez para frauta e dous instrumentos de percusión de altura determinada. Un leva a melodía e os outros dous son os que fan un sinxelo acompañamento.
Escoita como soa:
Polifónica ou contrapuntística
Dúas ou máis liñas melódicas independentes soan de xeito simultáneo e teñen unha importancia semellante. Un exemplo deste tipo de textura é o canon. Nesta versión da mesma canción, podedes cantar dividíndovos en catro voces, olla as entradas xa que cada unha delas entra a distancia de compás formando o que se chama canon. Como podes escoitar, as distintas melodías superpóñense e entrelázanse, dando lugar a unha peza que parece completamente nova.
Lectura facilitada
Textura musical
A textura explica como se combinan os sons nunha canción. Indica como se relacionan as voces ou os instrumentos.
Tipos de textura
Monofonía Hai unha soa melodía. Non hai acompañamento. Pode cantar unha persoa ou varias ao mesmo tempo. Só escoitas unha voz clara.
Homofonía Hai varias voces. Todas se moven coas mesmas figuras, co mesmo ritmo. Xuntas forman acordes. O importante é o conxunto. Escoitas varias voces á vez.
Melodía acompañada Hai unha voz principal. Leva a melodía. As outras fan o acompañamento. Unha voz destaca e as outras acompañan.
Polifonía Hai varias melodías diferentes. Pero, soan ao mesmo tempo. Todas teñen importancia. As voces mestúranse e crean unha música nova.
Audio
Recoñece as texturas
Escoita cada un dos audios e sinala cal é a textura predominante en cada peza.