Comentario dun climograma
Anteriormente explicouse como elaborar un climograma, agora toca comentalo.
No seguinte esquema defínense os puntos que hai que abordar ao facer un comentario deste tipo. Preme para aumentar a imaxe.
A continuación propónsevos un climograma e un modelo de comentario. É un modelo, non é o único!

Seguidamente imos comentar un gráfico denominado climograma ou diagrama ombrotérmico.
Un climograma é un gráfico no que se mostran dous valores diferentes: a evolución mensual das temperaturas e das precipitacións medias dun lugar concreto ao longo dun ano.
Que representan os eixos verticais e o horizontal?
- Nun dos eixos de ordenadas (vertical) vemos os valores da precipitación media mensual en mm, representados mediante barras.
- No outro eixo vertical indícanse os valores da temperatura media mensual en °C, que se representan mediante unha liña.
- No eixo de abscisas (horizontal) figuran os doces meses do ano.
Este climograma corresponde á cidade peruana de Iquitos
- Comezaremos estudando as temperaturas e a súa evolución ao longo dos doce meses do ano; todos os meses superan os 18° , polo que estamos ante un clima cálido, un clima sen inverno: a temperatura máis elevada, 26,6°, rexistrouse no mes de novembro e a máis baixa, 24.9°, en xullo. A temperatura media tamén é elevada, de 25.8°. A oscilación térmica é moi baixa, apenas acada os 1.7°.
- No tocante ás precipitacións, vemos que son moi elevadas, pois acadan un total de 2485 mm anuais, e tamén moi regulares, dado que non hai ningún mes seco: todos son húmidos. O mes que rexistra o maior volume de precipitacións é marzo (295 mm) e o mes coa menor cantidade de precipitacións recollidas é agosto (178 mm).
- Fixándonos na distribución das temperaturas, observamos que os meses con temperaturas máis altas non son os meses centrais do ano, senón os meses finais, así que este climograma se corresponde cun clima que se atopa no hemisferio S (se se atopase no hemisferio N, os valores térmicos máis elevados acadaríanse en xuño, xullo e agosto).
- Valorando conxuntamente precipitación e temperaturas, vemos que non hai estacións: non se pode distinguir unha estación fría dunha cálida, unha seca dunha húmida.
Vendo todas estas características, podemos afirmar que se trata dun clima da zona climática cálida, concretamente coas características do clima ecuatorial: temperatura media superior ao 18°, temperaturas mensuais elevadas e regulares e precipitacións abundantes e regulares.
Onde atopamos o clima ecuatorial e a que tipo de ríos e vexetación está asociado?
- O clima ecuatorial esténdese por unha estreita banda ao N. e ao S. do Ecuador.
- Os ríos desta área climática caracterízanse por seren, coma as precipitacións, moi caudalosos e regulares.
- O bioma asociado ao clima ecuatorial é a selva, que queda caracterizada pola existencia dunha vexetación moi densa, sempre verde e organizada en pisos.
Lectura facilitada
Para comentar o climograma sigue o esquema.
Preme na imaxe para aumentala.

