Saltar navegación

4. Reto final

Reto final

Botón on

Como xa sabedes, o REA trata sobre os diversos climas do mundo. Esta diversidade, a outra escala, tamén a podemos atopar en España, e mesmo en Galicia. Imos propoñervos que cada grupo faga un póster sobre unha das variedades climáticas de España.

A modo de exemplo presentámosvos un póster da zona climática de Santiago de Compostela, onde podedes observar aqueles aspectos máis importantes que debe conter o póster, no que nunca hai que esquecer que debe ter unha maquetación e visualización que o fagan atractivo e doado de comprender. Imos aló:

Como podemos facer o póster?

Pódese facer un póster dixital empregando unha ferramenta informática (Impress, por exemplo) pero esta vez darémoslle prioridade ao traballo manual, sobre todo na confección do climograma. O normal sería usar unha cartolina grande (50x65 cm), de cor branca e grosa (cartolina sulfatada).

Primeiro teremos que facer un borrador, nun folio A-4, por exemplo, onde sinalaremos a distribución das distintas partes, imaxes e textos que formarán o póster final. Nas imaxes da parte inferior podedes ver un exemplo de disposición da información que cada grupo debe recoller na súa cartolina.

Fai clic enriba delas para velas máis grandes.

Imaxe-exemplo de póster horizontal
MODELO DE DISPOSICIÓN HORIZONTAL
Imaxe-exemplo póster vertical
MODELO DE DISPOSICIÓN VERTICAL

Como vedes, a orientación do póster poder ser horizontal ou vertical. E, aínda que o tamaño das imaxes aquí é moi regular, non ten por que ser así. Cando xa teñades claras as imaxes e os pés de imaxe respectivos, deberiades valorar que distribución e tamaño debe ter cada parte, para que o conxunto sexa máis significativo e chame a atención.

Por outra banda, tamén podedes cambiar o número de fotos que pegaredes na cartolina, dependendo do voso propio criterio estético e educativo. Con dúas imaxes grandes o público pode entender mellor ese clima que con catro máis pequenas? A resposta tedes que ofrecela vós.

Lembra que deberedes referenciar todas as imaxes utilizadas: Deben incluír, en letra pequena, a fonte de onde se tiraron (enderezo web, autor ou autora etc.)

Agora imos detallar máis os contidos de cada apartado:

Título

Un "título" en letras grandes, xunto cun subtítulo que incluirá o tipo de clima, o nome do lugar, as coordenadas xeográficas e a altitude do mesmo.

Climograma

O climograma debe facerse a man cos datos que se vos proporcionan. Usando a cor azul para as barras de precipitacións e a vermella para a curva das temperaturas. A persoa do grupo con máis habilidade é quen o debe confeccionar en papel milimetrado coa colaboración das demais.

No pé de imaxe debe anotarse a temperatura media (TM) en ° centígrados, a oscilación térmica anual (OT) en ° centígrados e as precipitacións anuais (Pp) en mm.

Para poder facer os climogramas necesitaredes uns datos termoluviométricos, picando aquí poderedes descargalos.

Fotos da vexetación típica ou característica

Debemos buscar as especies que representan mellor a vexetación natural vinculada a ese tipo de clima.

No pé de imaxe indicamos os seus nomes, tanto o vulgar coma o científico.

Fotos da paisaxe vexetal típica ou característica

Debemos buscar na rede unha foto dunha paisaxe que represente as particularidades do clima da zona.

Fotos das augas

Recollemos aquí imaxes dos ríos, regatos ou lagos cuxo caudal e réxime fluvial débese ás características climáticas da súa cunca fluvial.

No pé das imaxes indicamos o nome do río, a lonxitude, o lugar onde se tirou a foto e o caudal medio se é posible.

Pica sobre a imaxe para vela máis grande.

A imaxe amosa un modelo de Póster

Lectura facilitada

Faredes un póster en cartolina (50x65 cm).

O póster poderá ir en horizontal ou en vertical.

O póster conterá un título.

O póster conterá un subtítulo.

No subtítulo aparecerá o clima do que estamos a falar.

O nome do lugar do que faremos o climograma.

As coordenadas xeográficas e a altura do lugar do que faremos o climograma.

O póster conterá un climograma.

O climograma farase seguindo as instrucións do apartado 3.4 do REA.

O póster conterá varias imaxes de plantas.

Dúas imaxes de especies vexetais características da área.

Cada especie contará co seu nome vulgar e científico.

Dúas imaxes de paisaxes típicas.

O póster conterá unha imaxe dun río.

A imaxe do río irá acompañada do nome do río, e indicarase a súa lonxitude, a súa vertente e mais o seu caudal.

Repara no exemplo de Santiago.

Ficheiros anexos

Ata agora explicámosvos como se podería facer un póster sobre cartolina. Se queredes facer algo máis técnico, podedes facer o traballo empregando un formato dixital. Podedes empregar, por exemplo unha presentación Impress.

Queredes ver como podería quedar? Pica sobre o enlace.

Rematamos?

...ou non

Pois non, aínda non rematamos. Pero o traballo duro xa está feito. Toca agora presentarlles o póster ás nosas compañeiras e aos nosos compañeiros.

Primeiro exporemos o contido de cada mural na aula, explicando as diversas partes do seu contido cunha información máis ampla. É imprescindible que relacionedes as características do clima coa vexetación e as augas.

É moi importante que vos organicedes ben, distribuíndo os contidos e as quendas de intervención de xeito consensuado e equitativo. Podedes redactar un guión das vosas intervencións, pero lembrade que só é un apoio, non debe lerse sen máis. Procuraredes falar de xeito fluído, alto e claro, sempre pendentes de espertar a atención do voso público (mesmo podedes facerlle preguntas para que non se despisten).

O resto dos grupos farán suxestións sobre o noso póster.

Unha vez presentados os pósters na aula, montaremos unha exposición con todos eles no lugar máis axeitado do Centro. Todo o alumnado lle porá unha nota, de 0 a 10, a cada póster, agás ao do propio grupo, e publicaranse os resultados.

Ánimo!!

Botón Off

Lectura facilitada

Os pósters exporanse na aula cando estean feitos.

As persoas que fixeron os póster explicarán o contido ao resto da clase.

Recorda que deberás incluír bibliografía e webgrafía.

Recorda que todas as imaxes deben ir referenciadas.

Volvemos ao diario

Imaxe do diario de aprendizaxe no proxecto cREAgal. Amosa un lapis e un caderno co logotipo do proxecto na tapaLembra que segundo vaias avanzando no reto debes ir cumprimentando as cuestións que figuran no diario de aprendizaxe.

Agora toca a fase 4.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)