Saltar navegación

1.1. A polo reto

A polo reto

Ultimamente todo o mundo tomou conciencia de que o clima e os cambios que sofre poden supor un grave problema para a sociedade. Porén, pouca xente comprende os procesos climáticos e meteorolóxicos e a súa relación coa paisaxe e a vida humana.

Por iso na olimpíada de Xeografía deste ano o tema central é o coñecemento destes procesos e a súa difusión. O voso instituto comprometeuse a participar cuns pósters explicativos da realidade climática, hídrica e paisaxística de España. Pero o grupo de segundo de bacharelato que o ía facer non pode realizar este traballo, así que lle tocou á vosa clase. Pero os de 1º de ESO poderedes facer o mesmo ca o alumnado de bacharelato? Por que non? Ao voso nivel, claro, pero veredes como sodes quen de explicar como son os climas, as augas e a vexetación galega e española.

Non se sabe se gañaredes na olimpíada, pero de certo que aprenderedes moito e vos divertiredes máis.

Divididos en pequenos grupos, ides preparar eses pósters. Durante o proceso de información e elaboración tedes que ir anotando as tarefas que vaiades facendo no diario de aprendizaxe.

Lectura facilitada

Vas aprender moito de clima, de augas e de paisaxes.

A túa aula vai participar nun concurso escolar de Xeografía.

Para participar no concurso vas facer un póster sobre os climas e as paisaxes de España.

O teu reto

Cada grupo deberá confeccionar o seu propio póster, elixindo un dos lugares de España e o seu clima entre a listaxe que propoña a profesora ou o profesor, que será quen supervise o voso traballo. Tede en conta que entre toda a clase teredes que representar todas as variedades climáticas.

Algunhas propostas de lugares serán: Vigo, Ourense, Madrid, Teruel, Valencia, Huelva, Almería, Aínsa, Navacerrada, Tenerife e Lanzarote.

Lectura facilitada

  • Deberedes facer un póster para participar no concurso.
  • Faredes as actividades sobre un lugar concreto.
  • O lugar escollerédelo nunha listaxe ofrecida pola profesora ou polo profesor.

Que podes aprender completando o reto?

  • A distinguir os distintos climas que se poden atopar en España.
  • A elaborar e interpretar un climograma.
  • Que é o ciclo da auga e os distintos tipos de augas.
  • Cales son as formacións vexetais que se corresponden con cada área climática.
  • A valorar a importancia de coidar o medio natural.
  • A traballar en grupo de xeito organizado e efectivo.
  • A empregar diferentes ferramentas dixitais.
  • A seleccionar e xerarquizar a información.
  • A expoñer oralmente o resultado do voso traballo.

Lectura facilitada

  • Distinguir os climas de España.
  • Elaborar e interpretar un climograma.
  • Coñecer o ciclo da auga e os seus tipos.
  • Relacionar cada clima coa súa vexetación.
  • Valorar a importancia de coidar a natureza.
  • Traballar en grupo de forma organizada.
  • Usar ferramentas dixitais.
  • Seleccionar e ordenar a información.
  • Explicar oralmente o traballo feito.

Hai que empezar xa!

Imaxe do diario de aprendizaxe no proxecto cREAgal. Amosa un lapis e un caderno co logotipo do proxecto na tapaAgora é o momento de cubrir as actividades da fase 1 no diario de aprendizaxe.

É moi importante que o cubras porque para aprender... hai que reflexionar!

Accede ao modelo a través da páxina "Diario de aprendizaxe" e descárgao.

Lembra:

Pregunta ao teu profesor ou profesora se a cubrirás en papel ou no computador.
Se a cobres no computador, non te esquezas de gardala no teu equipo cando termines!
Ánimo, que o farás xenial!

Feito con eXeLearning (Nova xanela)